Reprobamos a pésima xestión e a falla de respecto democrático do Alcalde
O mercado municipal de Pontedeume ven funcionando ao longo de varias décadas e constitue uns dos sevizos obrigatorios que debe prestar o concello ao abeiro da lei reguladora do réxime local. É claramente un servizo fundamental que axuda a dinamizar e potenciar a economía local eumesa, ao seu pequeno comercio e a súa hostalaría, que dependen en gran medida da afluencia das xentes que se achegan doutras localidades cada mañá a mercar na praza de abastos.
É un feito constatábel a nula inversión nos sete anos de mandato desta alcaldía, no mantemento do mercado municipal. Como tamén é un feito a falla de xestión deste goberno tanto na negociación coas diferentes administracións para conseguir os recursos necesarios para a rehabilitación completa do mercado, como a falla de previsión e organización así como de negociación no traslado das e dos praceiros as loxas provisionais. Como consecuencia desta ineptitude temos por un lado, un problema económico a nivel da localidade co mercado municipal paralizado, e por outro un grave problema social, con familias durmindo no mercado en protesta pola actitude despótica e pouco atinada do alcalde.
Por todo elo dende o grupo municipal do BNG de Pontedeume vémonos na obriga de presentar esta moción para que o pleno da corporación municipal chegue a este acordo:
1.- O Pleno da Corporación acorda reprobar a actuación do alcalde por resultar manifestamente incompetente no exercicio da súa responsabilidade para resolver os problemas existentes no mercado municipal.
2.- O Pleno da Corporación acorda implementar as medidas en consenso permanente con praceiras e praceiros para afrontar o proxecto global de rehabilitación do mercado municipal; articulando as medidas provisionais sempre dentro do respecto á normativa existente para garantir o exercicio digno do traballo das persoas afectadas.