Jorquera defende no Parlamento a reparación integral do Mercado de Pontedeume
Jorquera defende no Parlamento reparar o Mercado de Pontedeume para que praceiros e praceiras poidan retornar ás instalacións.
O deputado trasladou as demandas dos e das praceiras sobre a reapertura do mercado para garantir a actividade comercial na vila e os postos de traballo
O deputado do BNG, Francisco Jorquera formulou onte unha pregunta parlamentaria en comisión sobre a situación do mercado municipal de Pontedeume e as previsións do Goberno ante as demandas d@s praceir@s para a súa reparación.
Na súa intervención, Jorquera asegurou que o mercado funciona dende hai varias décadas e constitúe un dos servizos obrigatorios dos concellos segundo o regulamento do réxime local, pero o abandono das obrigas de mantemento e conservación da estrutura do edificio, por parte do concello levou a que a propia Consellería de Sanidade detectara deficiencias de seguridade e salubridade no ano 2011.A nula dilixencia do concello para resolver a situación, dixo, está a provocar un conflito social sen precedentes.
Jorquera salientou que o mercado é un elemento dinamizador da economía local e quen coñeza Pontedeume, explicou, sabe que é unha vila de servizos onde todos os sábados se celebra o feirón que xunto ao mercado representan un dos principais elementos de atracción e impacto económico.
O deputado defendeu a protección de ambas actividades comerciais así como a súa potenciación ante a crise económica e evitar a destrución do tecido local que debe competir coas grandes superficies comerciais de cidades próximas.
O parlamentario explicou que o pasado 22 de outubro, o concello decretou o peche do mercado e o traslado dos/as praceiros/as a unhas instalacións provisionais denominadas lonxas de Raxoi, decreto ademais, resolto sen expediente administrativo sen dar traslado aos concesionarios para presentar alegacións.
Jorquera denunciou as condicións das novas instalacións e a falta de espazo para os expositores de frío e dificultades dos clientes para acceder aos postos.
Pola súa parte, a Directora Xeral de comercio da Xunta alegou que os proxectos de reforma son responsabilidade do concello e a Xunta non pode interferir nesas competencias municipais e en canto o mercado provisional foi inspeccionado e as condicións se adecúan a lexislación vixente con puntos de auga e cámara frigorífica.
Na quenda de replica, Jorquera lembrou que a Xunta ten competencias en materia de consumo, comercio e sanidade e ante un problema non pode mirar para outro lado, non abonda, dixo, con que a Xunta diga que sería desexábel desbloquear o problema, a Xunta debe iniciar accións para resolver a situación, sentenciou.