Entrevistamos a Luis Pena Mosquera, candidato polo BNG á alcaldía de Pontedeume

Sport4 (1)
Entrevistamos a Luis Pena Mosquera, candidato polo BNG á alcaldía de Pontedeume

LUÍS PENA MOSQUERA CANDIDATO DO BNG Á ALCALDÍA DE PONTEDEUME

O pasado mes de febreiro a asemblea local do BNG de Pontedeume elixiu por unanimidade a Luís Pena Mosquera candidato á alcaldía.

Quen é Luís Pena ? Ti non tes oito apelidos eumeses ?

Levo máis de 10 anos vivindo felizmente nesta Vila. Os estudos e o traballo leváronme a vivir en Lugo, Vigo, Lisboa, A Coruña, pero cando buscamos un lugar para asentarnos e formar unha familia a nosa elección foi Pontedeume. Primeiro por unha razón xeográfica e polos consellos de amigos, e logo porque nos demos conta de que é un bo sitio para vivir.  Traballo de profesor na Coruña así que, como moitos eumeses e eumesas, fago bastantes quilómetros pola estrada ao día.

Di a canción: “a que dedica el tiempo libre” ?

Son afeccionado ao baloncesto aínda que practico moi pouco. Fago moito “traballo de parque” porque teño unha nena pequena, e desfruto cun grupo de música e maxia para un público infantil, no que esencialmente fago as letras das cancións e algo de maxia. Ás veces buscar un horario para ensaiar con seis persoas con responsabilidades laborais diversas  é case imposible. Ler e escribir poesía evádeme das penosas novas dos xornais.

É un bo momento para entrar na política local ?Son afeccionado ao baloncesto aínda que practico moi pouco. Fago moito “traballo de parque” porque teño unha nena pequena, e desfruto cun grupo de música e maxia para un público infantil, no que esencialmente fago as letras das cancións e algo de maxia. Ás veces buscar un horario para ensaiar con seis persoas con responsabilidades laborais diversas  é case imposible. Ler e escribir poesía evádeme das penosas novas dos xornais.

Temos un equipo excepcional e afrontamos esta nova etapa con moita ilusión. Ademais de equipo temos un proxecto de futuro para Pontedeume. É un reto apaixonante. Na asemblea cos militantes percibín que ferven as ideas e que se defenden con emoción, estamos con moito ánimo e temos confianza absoluta no equipo fantástico que estamos a construír. Os vimbios iniciais xa estaban postos porque nós somos unha formación política sólida. Somos unha formación, o BNG, na que todas as galegas e galegos poden confiar, saben o que defendemos e non dependemos dos  vaivéns de Madrid.

Cales son as vosas expectativas ?

A nosa expectativa para as próximas eleccións é saír a gañar, sen complexos de ningún tipo. A min gústame o baloncesto; estamos no inicio do partido e se saímos a gañar con traballo, esforzo, ilusión, confianza e humildade, estou seguro de que non imos recibir ningún reproche. A confianza non se compra pero si que se transmite. A nosa obriga é transmitir esa capacidade para liderar este concello.

Por que se debería votar ao BNG de Pontedeume nas próximas eleccións de maio ?

Primeiro de todo porque somos un contrapoder. “O poder corrompe e o poder absoluto corrompe absolutamente”. Nós seremos garantes da transparencia e do bo uso da acción de goberno, tanto se temos responsabilidades de  goberno como se estamos na oposición.

O concello de Pontedeume ten que atender prioritariamente aos colectivos que máis o precisan: ás persoas desempregadas, á mocidade, ás empresas, Pemes e persoas autónomas que crean emprego real aquí, ás e aos pensionistas, ás persoas dependentes ou que viven soas, a xente que traballa no mar e na ría…

A segunda obriga que temos é soñar co Pontedeume das persoas. Temos a iniciativa e a ambición de crear un Pontedeume como referente de Ferrolterra.  O noso ímpeto está depositado en facer un concello que atenda as necesidades básicas dos nosos veciños: educación, vivenda, emprego, seguridade.

As parroquias son sempre esquecidas en detrimento do casco histórico, continuará así ?

Non. Temos un grande equipo que loitará por un Pontedeume integral sen diferenza entre as parroquias e o casco histórico; onde as parroquias poidan amosar con orgullo e fachenda o seu patrimonio natural e cultural, e que teñamos para elas unha visión de futuro a medio e longo prazo, máis alá de ir parcheando fochancas ou repartindo formigón polas portas.  Estamos desexando escoitar as propostas da veciñanza. Escoitalas e facer un plan críbel.

O mercado é un tema clave.

O goberno debe anticiparse aos problemas que lle veñen e non é capaz.  Cando coñezamos as bases para a concesión dos postos xa serán definitivas? Por que a cidadanía de Pontedeume non pode acceder a este documento?  Por que os grupos municipais non foron consultados nin dispoñen dun borrador?  Estas actuacións favorecen a transparencia do goberno do PSOE cos seus votantes?

Cales son as vosas propostas para o concello ?

Inicialmente, que o goberno de Pontedeume non deixe máis de 1 millón de euros sen gastar pola súa incapacidade na xestión.  O punto principal que presentaremos na campaña serán a participación da veciñanza na política local. É imprescindible que todos os nosos sectores produtivos, nomeadamente o referente ao mar e ás mariscadoras,  participen nas liñas principais da política municipal. Destinaremos unha porcentaxe do orzamento xeral a executar proxectos directamente saídos duns “orzamentos participativos”.

Algunha liña estratéxica máis ?

Faremos que todo os que nos coñezan desexen vivir en Pontedeume. Proporemos adherirnos á rede de cidades sostibles e seguir o modelo de éxito garantido de cidades como Pontevedra  ou Allariz.

Impulsaremos unha oferta ampla, estable de actividades culturais acordes coas inquedanzas da veciñanza.  Non só un labor de difusión de “tarde de domingo” senón como un programa integral con apoio á creación, á produción propia,ao teatro, ao ambiente musical eumés.

O casco histórico non pode estar a caer día si, día tamén. Non é concibíbel que non exista unha Oficina Municipal de Rehabilitación onde se fagan proxectos, onde se busque financiación para os veciños, onde se aclaren dúbidas, onde o concello lidere a transformación da vila, con información técnica e con diñeiro.

As Fragas do Eume deben ser un foco de dinamización e un polo de atracción do turismo. Debemos tomalo como un proxecto supramunicipal e vertebrador de toda a comarca eumesa.

Iremos perfilando estes temas, e outros como o Feirón e o polígono de Vidreiro, reuníndonos cos axentes implicados e irémolos presentando a toda a cidadanía. Xa nos estamos reunindo cos colectivos e as sensacións son excelentes.

Algunha cousa para finalizar ?

Todo na vida ten unha medida xusta. A medida, a vara que vai medir o que fagamos nos próximos meses ou anos, só pode ser unha, esta vara de medir é canto fixemos e que fixemos polos que menos teñen, polos que máis o necesitan.

Entrevistamos a Luis Pena Mosquera, candidato polo BNG á alcaldía de Pontedeume