O BNG leva ao Parlamento a problemática dos episodios de turbidez no río Eume
O BNG leva ao Parlamento a problemática dos episodios de turbidez no río Eume, que afectan á auga, ao medio natural e á actividade marisqueira.
A iniciativa reclama investigacións independentes, control da xestión dos encoros e medidas de recuperación ambiental.
19 dec. 2025 - 00:06
A seguir podes ler a iniciativa completa:
Á Mesa do Parlamento
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa dos deputados, Xosé Manuel Golpe Acuña, Ramón Fernández Alfonzo e Luís Bará Torres, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate no pleno/Comisión 2ª, sobre os novos episodios de turbidez da auga do río Eume augas abaixo do encoro da Capela
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O río Eume constitúe un dos principais tesouros naturais de Galicia, vertebrando as Fragas do Eume e aportando servizos ecolóxicos, sociais e económicos esenciais para a comarca. Nos últimos dous anos, viñéronse sucedendo episodios de turbidez anómala, de especial gravidade o acontecido o 27 de novembro de 2025, detectado polo Concello de Pontedeume, pola Policía Local e pola Confraría de Pescadores Virxe do Carme. Estes episodios de turbidez xeran alarma social, preocupación polo subministro de auga potable e ameaza ao medio ambiente fluvial e ao sector pesqueiro, especialmente ao banco marisqueiro local.
Convén recordar que durante o ano 2020 sucedeu un grave episodio semellante no que a poboación ficou varios días sen poder consumir auga da billa, e no cal a investigación da Xunta atopou responsabilidades vinculadas á explotación hidroeléctrica do encoro do Eume. Este feito conlevou sancións importantes para a empresa concesionaria, evidenciando a necesidade de controlar estritamente a xestión dos recursos fluviais.
A reiteración destes episodios compromete a confianza dos habitantes, afecta negativamente á economía local, incremente o risco para a biodiversidade das Fragas e pode incidir no estado das masas de auga de Galicia, que debe ser protexido conforme á Directiva Marco da Auga da UE e á lexislación galega.
Por todo isto, torna urxente que o Parlamento de Galicia impulse unha acción política coordenada e eficaz, garantindo a vixilancia, control, transparencia e apoio aos afectados, e previndo futuros episodios que comprometan o benestar social e ambiental.
E por último hai que indicar que, os concellos de Pontedeume e Cabanas contan con cadansúa captación de auga de consumo augas abaixo do encoro da Capela.
Por estas razóns o Grupo parlamentar do BNG presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate na Comisión 2ª / Pleno
“O Parlamento de Galiza insta á Xunta a:
1. Realizar unha investigación e unha auditoría independente, coa colaboración do sistema universitario galego, sobre a contaminación do río Eume entre o encoro da Ribeira, no concello das Pontes e a desembocadura do río, que inclúa:
- A análise e caracterización exhaustiva dos sedimentos depositados no leito do río que quedaron ao descuberto como consecuencia da forte baixada do nivel das augas do encoro da Capela;
- a análise e caracterización dos escoamentos e lixiviados nestas zonas de acumulación de depósitos;
- a análise e caracterización dos lodos e sedimentos acumulados no fondo da presa, e os seus riscos potenciais para o medio e a saúde;
o estudo e seguimento da posíbel afección aos bancos marisqueiros e aos recursos pesqueiros do río e da ría;
- outros impactos sobre o leito e a bacía do Eume, provocados por infraestruturas, obras, actividades industriais, verteduras, alteracións no terreo e na vexetación, etc.
2. Como consecuencia da anterior auditoría, desenvolver un Plan plurianual de mellora, descontaminación, recuperación ambiental, rexeneración e dinamización do río Eume e a súa bacía, contando tanto para a súa elaboración como para o desenvolvemento do mesmo coa participación da Deputación da Coruña e dos concellos, e esixindo á empresa ENDESA a responsabilidade derivada dos impactos negativos sobre o río da súa actividade industrial contaminante e da xestión da presa e da central hidroeléctrica.”
3. Solicitar que se realice unha investigación exhaustiva e independente sobre as causas do episodio de turbidez detectado en novembro de 2025, incluíndo a posibilidade de convocar comisións técnicas ou parlamentarias específicas, e garantir que os resultados sexan presentados ante este Parlamento e difundidos nos medios electrónicos da consellería de Medio Ambiente.
4. Propoñer á Xunta de Galicia que impulse a creación dun protocolo de resposta ante episodios de contaminación fluvial, que contemple a colaboración co sector pesqueiro, concellos afectados e o conxunto de administracións con competencias na xestión da auga, así como medidas correctivas e preventivas.
5. Demandar que se reforcen as axudas públicas para a rexeneración dos bancos marisqueiros de Pontedeume e outros afectados polas alteracións ambientais do Eume, garantindo compensación económica polos danos sufridos e o apoio técnico necesario ás confrarías.
6. Requirir que se revisen as condicións de explotación dos encoros e infraestruturas hidroeléctricas do Eume, con especial atención ás autorizaciones e ao cumprimento estrito dos requisitos ambientais, priorizando sempre a saúde pública e a conservación do ecosistema.
POC/PRE
- Que actuacións realizou a Xunta de Galiza desde o ano 2009 para a mellora da situación ambiental do río Eume?
- Que actuacións de mellora ambiental do río Eume se realizaron no marco do Pacto Ambiental asinado con ENDESA en 2012 e cal é o seu orzamento e investimento?
- Que caracterización se fixo dos lodos e depósitos do fondo da presa e cal é o seu potencial risco para o medio e a saúde?
- Que análises fixo a Xunta de Galiza e cales foron os resultados en canto á súa caracterización, sobre os depósitos e os escoamentos no leito do río Eume augas arriba do encoro?
- Que actuacións está realizando ou realizou a Xunta de Galiza para o coñecemento e seguimento do estado ambiental do río, cal é o seu custo e que empresa ou empresas foron contratadas para facelas?
- Que estudos, análises e plan de seguimento ven realizando e está a realizar a Xunta de Galiza sobre os recursos pesqueiros e os bancos marisqueiros da zona?
- Que actuacións e investimentos ten previsto realizar o goberno galego para a protección, conservación, descontaminación e rexeneración do río Eume e a súa bacía?
- Cal é o estado da tramitación do Plan territorial integrado da bacía hidrográfica do río Eume, iniciada en abril de 2013?
POP/INTERPELA
Que medidas tomará a Xunta de Galiza para garantir a calidade do auga do río Eume na súa desembocadura, e rexenerar o banco marisqueiro do esteiro do río?