Comunicado do BNG de Pontedeume sobre a privatización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)
O BNG de Pontedeume manifesta a súa firme oposición á nova privatización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que agora se estende á parte de libre concorrencia.
O BNG de Pontedeume manifesta a súa firme oposición á nova privatización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que agora se estende á parte de libre concorrencia. Esta medida xa fora denunciada polo BNG no mes de xuño e vén de confirmarse coa súa aprobación no último pleno do ano cos votos do PSOE e do PP. O asunto foi presentado por urxencia, achegando a documentación apenas unha hora antes do pleno, o que impediu un debate completo e rigoroso sobre as súas implicacións. O voto do BNG foi claramente en contra.
Anos atrás, unha parte do SAF xa fora externalizada, cun balance claramente negativo tanto para a calidade do servizo como para as condicións laborais do persoal. A experiencia demostrou que a privatización non mellora a atención ás persoas usuarias nin as condicións de traballo e, pola contra, tende a precarizalas. Agora, con este novo paso, trasládase tamén á empresa externa a xestión do SAF de libre concorrencia, deixando á administración municipal fóra da xestión diaria dun servizo esencial.
O goberno municipal presentou un documento técnico para xustificar esta decisión, alegando, entre outras cousas, dificultades na cobertura de horarios, na dispoñibilidade de persoal e na carga administrativa. Desde o BNG consideramos estas alegacións insuficientes e inaceptables. A administración pública ten capacidade para xestionar directamente o servizo, garantindo calidade, continuidade e atención personalizada, sen delegar responsabilidades fundamentais a terceiros. A privatización, pola contra, agrava a precariedade laboral e reduce o control público sobre un servizo básico para a veciñanza.
Para finalizar, o que queda claro é que o goberno municipal pretende quitárselle de enriba a responsabilidade directa do SAF, trasladando á empresa externa todos os aspectos críticos do servizo, desde a planificación das quendas e a cobertura das baixas ata a xestión das queixas e a coordinación diaria. Esta decisión supón un retroceso na calidade asistencial, nos dereitos laborais do persoal e compromete a atención ás persoas dependentes.
Dito isto, desde o BNG tamén somos conscientes de que o Servizo de Axuda no Fogar está infrafinanciado, debido a que a Xunta do PP non achega os recursos suficientes e traslada aos concellos a maior parte do custo económico do servizo. Este insuficiente financiamento autonómico dificulta a sustentabilidade do SAF e pon en risco a súa cobertura efectiva.
Porén, este infrafinanciamento non xustifica a externalización do servizo promovida polo PSOE, xa que os custos económicos existen igualmente, tanto cunha xestión pública directa como pagando a unha empresa privada. Non se poden defender os servizos públicos e, ao mesmo tempo, privatizalos. Esta é unha actitude que, de facto, dálles a razón ás políticas privatizadoras do PP e explica que ambas forzas votasen a favor desta medida en Pontedeume.
Desde o BNG defendemos un modelo de xestión pública e directa, porque os coidados non poden ser mercantilizados nin convertidos nun negocio. Por todo isto, o BNG de Pontedeume reitera a súa oposición á externalización do SAF e reclama a súa xestión pública, en defensa da calidade asistencial, dos dereitos laborais e do interese xeral da veciñanza.