Reprobamos a actitude de desleixo dos gobernos do Estado e da Xunta da Galiza coa nosa comarca.
A folga xeral celebrada o pasado 12 de xuño supuxo un ponto de inflexión no nivel de mobilización do conxunto da sociedade comarcal en demanda de solucións aos problemas que vén arrastrando no ámbito socioeconómico e, en definitiva, na exixencia aos gobernos de medidas concretas e urxentes a respecto dos sectores produtivos que substentan o noso tecido económico. A expresión, sen dúbida, de que estamos perante unha situación de emerxencia, e que non procede máis que medidas políticas urxentes por parte dos gobernos.
A importancia do nivel de apoio que tivo a convocatoria histórica, sen dúbida tén a ver cunha situación crítica que afecta ao conxunto de sectores da sociedade comarcal. Unha sociedade situada cun nivel de desemprego a máis alta de Galiza - que supera o 30%, cun peche progresivo de comercios, hostalaría e pequenas empresas, e que asiste ao desmantelamento de sectores claves da economía comarcal; como o naval ou o eólico. En paralelo, rexurde a emigración masiva á que se ven abocadas milleiros de persoas e, polo tanto, agudízase aínda máis a perda de poboación na zona
Perante esta situación crítica non cabe, como xa se dixo, máis que unha actuación urxente dos gobernos con competencias na posta en marcha de medidas concretas nos diversos sectores; como único xeito de invertir unha tendencia que ameaza con desertizar a comarca no ámbito económico e laboral e desestruturala no social. Unha resposta á que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal terían dereito ao día seguinte mesmo da convocatoria da folga xeral.
Non embargantes, na liña do confusionismo e engano, do incumprimento de compromisos do que se fixo gala nos últimos anos; atopámonos de novo cunha actitude soberbia e insensíbel por parte dos representantes dos gobernos responsábeis que, en troques de afrontar con valentía e urxencia as solucións que a comarca demanda, apostan pola deixación das súas responsabilidades ou, o que é peor, polo intento de recrear políticas confusionistas e narcotizantes que perpetúan a actual situación.
Estamos a falar dunha Xunta de Galiza que renuncia a exercer as súas competencias en materia industrial a comezar, por unha actuación específica a respecto do sector naval e que continúa sen concretar aínda o tan cacarexado contrato do PEMEX para o naval da ría de Ferrol, ou a construción do dique flotante; por non falarmos da ausencia dunha acción política enérxica na demanda do levantamento do veto.
As nosas comarcas demandaron e demandan, unánimentente, medidas concretas para poder producir e para poder traballar. Pero reclamaron, sobor de todo, respecto. E o respecto comeza por tratar unha situación de emerxencia con medidas políticas de emerxencia, afrontando dun xeito decidido as responsabilidades que lle competen aos gobernos e abandonando políticas de postureo e confusión. Non cabe outra.
E por iso, como representantes máis directos das veciñas e veciños dos concellos das comarcas; que sofren e viven dun xeito directo e, cada vez máis dramático esta situación; entendemonos non só no direito senón mais ben no deber de exercer un responsábel dereito de crítica e demanda urxente de solucións.
Desde o BNG de Pontedeume propomos ao pleno da corporación á adopción dos seguintes acordos:
1.- Reprobar a actitude do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza, pola posición insensíbel e enganosa perante os compromisos asumidos coas comarcas de Eume, Ferrol e Ortegal e pola falta de medidas concretas na defensa do emprego e dos nosos sectores produtivos.
2.- Articular, dun xeito urxente e en conxunto cos diversos sectores da sociedade comarcal, medidas de presión que obriguen aos devanditos gobernos ao cumprimento das demandas que se veñen facendo nos últimos anos; e que constituiron o clamoroso e unánime berro da sociedade comarcal o pasado dia 12 de xuño.