Esiximos un servizo ferroviario para Pontedeume e Galiza do seculo XXI.
Após de térmonos movilizado en numerosas ocasións demandando un servizo ferroviario adecuado ao século en que vivimos, o BNG de Pontedeume ven de apresentar unha moción para o impulso e modernacización do Ferrocarril na nosa comarca e na Galiza.
O ferrocarril é un servizo público básico, sustentábel economicamente, que constitúe un elemento de cohesión e vertebración social, ademais de ser un factor de dinamización e equilibrio demográfico. Como medio de transporte é o elemento central dun sistema nacional de transporte intermodal e complementario, resulta o máis eficiente no que atinxe ao transporte de granel e mercadorías non perecedoiras, respectuoso co medio ambiente, e ademais fonte dun emprego de calidade.
Os recortes de Renfe Media Distancia, a eliminación da maior parte das estacións e apeadeiros da Galiza, a negativa dun servizo de proximidades ou o proceso de privatización e liberalización de infraestruturas, material e servizos, leva ao sector ferroviario galego a unha situación dramática, de desmantelamento de servizos e infraestruturas.
Mentres no Estado, nos últimos quince anos, levouse a termo a modernización ferroviaria, na Galiza adíanse os investimentos necesarios e négaselle unha rede compatíbel para persoas viaxeiras e mercadorías, unha dupla vía e electrificada, que prime a mobilidade interior, con conexións axeitadas con Portugal e co resto do Estado. O Goberno Central ignora, á mantenta, que Galiza posúe aproximadamente a metade dos núcleos de poboación do Estado, mentres carece de servizos ferroviarios de proximidade.
As consecuencias desa política ferroviaria do Estado van ser moi graves para A Coruña- Pontedeume-Ferrol cunha infraestrutura de hai cen anos, e onde se pretenden eliminar servizos, dos cinco actuais a dous.
Máis todos imos perder:
Para Vigo-Ourense, e as poboacións intermedias, polo Miño, que será de mercadorías desde o porto de Vigo, e onde se eliminarán servizos de media distancia, como o tren de Ponferrada que agora chega ás 2 da tarde.
A liña A Coruña-Lugo-Monforte, que quedará con servizos de longa distancia a Madrid e Barcelona, mais coa posibilidade de perder un dos dous de media distancia que ten.
Monforte-O Barco de Valdeorras que seguirá só cos trens de longa distancia (Madrid e Barcelona ou Euskadi), mentres non rematen o AVE Ourense-Puebla da Seabra.
E o ramal Santiago-Ourense que é o troncal do AVE cando remate de facerse no 2018 e, en consecuencia, a liña convencional Santiago-Ourense quedará morta, pois a duración da viaxe será de dúas horas, cando no AVANT será de 30 minutos, quedando ademais O Carballiño fóra.
Por todo isto, solicitamos para Pontedeume do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:
Instar á Xunta de Galiza a
- 1. Reclamar do Goberno do Estado que desista deste proceso de desmantelamento e privatización de servizos ferroviarios no noso país, reclamando o mantemento das liñas existentes (Ourense-Puebla da Seabra; Ourense-Monforte-Ponferrada; A Coruña-Ferrol; A Coruña-Lugo-Monforte, Vigo-Ourense) e unha mellora dos servizos e frecuencias que se veñen prestando en territorio galego.
- 2. Demandar do Estado as transferencias en materia de ferrocarril interior, xunto cun financiamento axeitado, co obxectivo de crear unha compañía pública ferroviaria galega que mellore a prestación deste servizo no noso país e permita acometer as infraestruturas e desenvolver os servizos de transporte ferroviario na Galiza que contribúan a vertebración económica, social e territorial do país.