O BNG de Pontedeume súmase á Campaña "Non é unha crise, é un roubo".
Dende o BNG de Pontedeume sumámonos á campaña que a nivel nacional esta a desenvolver a nosa organización, colando cartaces e repartindo información entre as e os eumeses, porque O QUE ESTÁ A ACONTECER NON É UNHA CRISE É UN ROUBO!:
1. UNHA SITUACIÓN DE EMERXENCIA NACIONAL
Un 22,3% por cento de paro: 290.000 galegos e galegas. 650.000 galegos e galegas en
situación de exclusión, das cales 120.000 están situación de pobreza severa. 17.000
fogares nos que non entra nin un euro. Un 50% de paro xuvenil. Emigración forzosa masiva de mozos e mozas. Desafiuzamentos a diario. Máis de 80.000 persoas afectadas pola estafa bancaria das preferentes e subordinadas. Liquidación ou recorte de dereitos sociais.
Falta de crédito para autónomos, pemes e familias (mentres se rescata á banca
que especulou e enganou). Explotacións empresas pechadas, en concurso de acreedores
ou absorvidas por capital non galego.
Vivimos unha situación de emerxencia nacional. A nosa economía está a ser
destruída, os nosos sectores produtivos truncados e impedidos, o sector financeiro de
noso descabezado e o conxunto das maiorías sociais roubadas polas políticas da grande
banca e da UE, aplicadas en Galiza e en España polo Partido Popular. O resultado:
empobrecemento social, emigración xuvenil masiva, desertización económica e
caída demográfica. Unha sociedade empobrecida e fracturada e un país que
esmorece.
A lista dos nomes da crise e do roubo é ampla e medra cada semana: Caixanova,
Caixagalicia, Banco Pastor, Pescanova, Caramelo, Atento, General Dynamics, Barreras,
Vulcano, Alfageme, Azkar, R, Banco Echeverría, Lonxanet, Darty, Unísono, ... O tecido
industrial e financeiro de Galiza esta en caída libre e sen rede. Os motivos, coñecidos: a
especulación, as malas prácticas empresariais, a ausencia de auténticas políticas de país,
centradas no desenvolvemento económico de Galiza. As vítimas, tamén coñecidas: as
maiorías sociais, todas e todos os que pagamos a factura brutal dunha crise que non
causamos.
No entanto, o peso da economía galega, a súa autonomía produtiva e a capacidade que
teremos como país para deseñar estratexias de desenvolvemento van camiño de
desaparecer. Non é esaxerado dicir que vivimos un novo colonialismo que nos fará aínda
máis dependentes e submisos.
2. ESTA CRISE É UN ROUBO
Semana a semana asistimos, cada vez de forma máis evidente, ao espolio dos nosos
aforros, dos nosos impostos, dos nosos dereitos e dos nosos salarios para salvar a
banca especulativa española e europea.
No BNG estamos a dicilo claramente. Isto non é unha crise, é un roubo: un roubo ás
clases populares e ás nacións periféricas para salvar á grande banca e maximizar os
beneficios das elites económicas españolas e europeas.
A estafa bancaria das preferentes é roubo. O recorte en gasto social e en servizos
públicos é roubo. A reforma laboral que favorece o despedimento inxustificado é roubo. O
aumento dos impostos para recadar fondos para o pagamento do rescate á banca, é
roubo. A emigración forzosa da nosa mocidade é roubo. A destrución salvaxe e insostíbel
do noso territorio e dos nosos recursos mineiros, enerxéticos, marítimos, ... é roubo. O
impedimento de podermos desenvolver os nosos plans de vida, de podermos garantir
unha vivenda e un traballo digno, é roubo.
O roubo ten responsábeis, e hai que poñerlles nome. O Partido Popular é responsábel
e cómplice desta estratexia económica, como antes o foi o PSOE de Zapatero. Unha
estratexia de resultados terribles para a xente, destinada a cargar todos os custes da crise
naqueles que xustamente non a causaron: aforradores, contribuíntes, traballadoras e
traballadores, desempregad@s, funcionari@s, os servizos públicos, as e os pensionistas,
autónomos, as pemes, a economía produtiva en xeral.
Tanta dor, tanto recorte, tanta receita de austeridade aplicada contra o pobo vai servir
para a recuperación económica? É evidente que non. Dínnolo todos os datos, dínolo a
realidade que vivimos e coñecemos e podemos velo tamén nos países onde se máis
tempo se levan aplicando estas medidas. Grecia ou Portugal poden servir de exemplo.
Teimar neste camiño só nos vai levar a afundirnos máis no pozo.
3. ONDE ESTÁ E QUE FAI O GOBERNO GALEGO?
O goberno galego, cando máis falta facía que exercese como tal, dimitiu das dúas
funcións: transita entre a pasividade, a incompetencia e a complicidade, incapaz de deter
a destrución progresiva do noso tecido económico e das condicións de vida das maiorías
sociais. Cando tiña que poñerse do lado da xente, ponse do lado do grande capital e da
grande banca. Cando tiña que saír a defender ás vítimas, ponse ao servizo dos verdugos.
O Goberno galego está a traizoar os intereses do noso país e da nosa xente e está a
traballar servilmente para aplicar en Galiza as políticas que nos están a empobrecer, que
nos están a mete máis no pozo da crise. Galiza non ten goberno capaz de responder ao
estado de emerxencia económica que vivimos, non hai gabinete de crise á altura da
guerra que libramos.
O Feijoo das festas privadas nos iates do narco, o Feijóo que fai de broker e vai
malvender empresas galegas a Sudamérica, o Feijóo que manipula con man de ferro os
medios públicos que pagamos todos e todas non é capaz de ofrecer ningunha saída,
ningún proxecto de país, ningún horizonte de esperanza a quen hoxe está a ver destruída
as súas aspiracións vitais: as de poder vivir e traballar dignamente na súa Terra.
4. HAI QUE REBELARSE!
O BNG ten claro que desta só se sae desde a rebelión cívica, desde a mobilización social,
desde a toma de consciencia e a resposta colectiva e organizada. É preciso erguer unha
resposta social ampla, plural, diversa, capaz de conectar o campo político, o sindical e
o social, capaz de facer converxer organizacións, persoas e movementos para facer
fronte ás políticas da troika, da grande banca, da Unión Europea e do PP.
O BNG favorece e apoia claramente esa converxencia, estamos rebelándonos na rúa e
ao carón de moitos e moitas outras. Somos os máis, somos multitude as e os que
padecemos o empobrecementos social decretado desde Madrid e desde Bruxelas, e
temos que lle facer fronte. Todas e todos os que sentimos o poder actual coma un
abuso debemos ser quen de tecer colaboracións para dar unha resposta contundente aos
que destrúen o noso futuro, aos que rouban o noso benestar e as nosas vidas.
É preciso xuntar todas as loitas. A d@s aforradores estafad@s polas preferentes e
subordinados, a d@s desempregad@s que procuran fórmulas para saír adiante e ven
recortadas as súas prestacións, a das persoas desafiuzadas pola banca gansteril que
especulou sen control durante os anos do boom urbanístico, a dos traballadores e
traballadoras que vén perigar os seus empregos e baixar os seus salarios, a dos
autónomos e pemes que procuran sobrevivir á falta de liquidez e de crédito que debera
garantir a banca rescatada con diñeiro público, a das mulleres atacadas polas políticas de
xénero do PP que as queren relegar novamente ao fogar, ...
Cómpre reaccionar masivamente diante deste roubo que empobrece ás maiorías
sociais e leva a Galiza á ruína. No BNG facemos un chamamento á colaboración e á
unidade social na resposta ás políticas do PP, un PP que ademais perdeu toda a
lexitimidade ao incumplir sistematicamente todas as promesas electorais coas que se
presentou ás eleicións. A realidade actual e a súa propia actuación só lles deixan un
camiño: dimisión e convocatoria de novas eleicións.
5. HAI ALTERNATIVAS, DESDE A SOBERANÍA.
Ademais de na resposta social, o BNG está poñendo alternativas enriba da mesa, tanto a
nivel sectorial en cada problemática concreta como a nivel xeral, para garantir a
viabilidade, a recuperación económica e a defensa do benestar das maiorías sociais da
nosa nación.
Alternativas viábeis son
? A creación dunha Banca Pública Galega para garantir que o aforro galego se pon ao
servizo do crédito que precisa a economía real, a economía produtiva.
? Un novo modelo de financiamento de concerto, que dea plena capacidade a Galiza
para a xestión dos nosos recursos e permita a posta en marcha dun sistema tributario
propio, coa creación dunha Axencia Tributaria Galega orientada a xestionarmos con
criterios de país os impostos que no noso país se xeran.
? A aposta polo desenvolvemento estratéxico dos nosos sectores produtivos, a
partir dos cales é posíbel construír un tecido económico dinámico que xere emprego e
riqueza, e faga fincapé no incremento do valor engadido, o coñecemento e a
innovación.
O desenvolvemento económico de Galiza vese hoxe gravemente limitado polos vetos e
limitacións impostas desde Madrid e a UE a moitos dos nosos sectores clave. Por iso,
para podermos levar adiante unha política pensada desde as nosas necesidades e
intereses, que aposte claramente pola creación de emprego e de riqueza no noso
país, precisamos confrontar as políticas hoxe imperantes e gañar, fronte a elas,
capacidade real de decisión. Precisamos ter nas nosas mans capacidade real de
autogoberno, verdadeira soberanía que empregar como ferramenta para levar a cabo
políticas ao servizo das maiorías sociais e do desenvolvemento social e económico de
Galiza.
Hai que dicilo claramente, para que ninguén se engane. Sen rachar a dependencia
económica e tomarmos o control dos nosos recursos non teremos futuro.
Precisamos gobernar nós a nosa Terra e facelo en función dos nosos intereses, os
da maioría social galega (traballadores asalariados, autónomos, pemes, ...) hoxe
empobrecida e castigada pola factura dunha crise que non causou.
Iso, e non ningún fetiche retórico, é a soberanía que desde o BNG estamos a reivindicar,
e que cada día máis sociedade galega percibe claramente como condición indispensábel
para que unha saída xusta e social a esta crise sexa posíbel. Vainos a vida, e o futuro,
nela.