Pedimos a retirada da LOMCE e animamos a secundar a folga do día 9 nos centros educativos Eumeses.

Pedimos a retirada da LOMCE e animamos a secundar a folga do día 9 nos centros educativos Eumeses.

O BNG DE PONTEDEUME EXIXE A RETIRADA DA LOMCE (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educatica) POLO SEU CARÁCTER CENTRALIZADOR E DESGALEGUIZADOR

 O de momento Anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, que o Goberno do Estado pretende converter en proxecto de lei, significará, de se consagrar, un reforzamento de moitas cuestións totalmente negativas para o sistema educativo, que os axentes sociais e prefesionais levan anos a denunciar. Este anteproxecto presenta un texto que fondamente centralizador, clasista e sexista, que mercantiliza a educación e pretende afondar nun modelo moito máis autoritario e antidemocrático e garantir os concertos con centros que segregan alumnado por razón de sexo. Entres estas eivas, non deixa de ser relevante a falta de diálogo social con que se pretende aprobar e desenvolver, sen debate nen consenso e co rexeitamento do profesorado, sen participación da comunidade educativa, das asociacións que representan os diferentes colectivos implicados e con grande oposición social e política.

Para alén doutras consideracións, a LOMCE representa un ataque frontal ás competencias das comunidades autónomas e supón unha involución inadmisible ao negar a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional do Estado español. Fronte ao dereito de ofrecer o seu propio modelo lingüístico atendendo as distintas realidades, a LOMCE elimina a opción da inmersión lingüística, ao establecer un mínimo de materias nas dúas linguas cooficiais. Por outra parte, dentro dun proxecto xerárquico, as materias pasan a clasificarse en diferentes categorías e o galego deixa de ser lingua troncal e recibe, desta maneira, unha consideración inferior á da primeira lingua estranxeira e incluso detrás da relixión que van ter o status de específicas. Nesta mesma liña, o Anteproxecto de lei orgánica para a mellora da calidade educativa esconde baixo a falsidade dunha pretendida liberdade de idioma a posibilidade de non estudar en lingua galega, facilitando, con diñeiro público, a escolarización do alumnado que así o decidir en centros privados.

Levamos tempo asistindo a unha situación esperpéntica, por canto existen sectores –políticos e mediáticos– que pretenden trasladar á opinión pública a idea de que o idioma castelán corre perigo na Galiza por mor da suposta discriminación a que se ven sometidas as persoas que falan nesta lingua. Especialmente grave é que iso aconteza no ámbito educativo, pois está demostrado que sen competencia lingüística non pode haber uso lingüístico e, por tanto, o que esta lexislación pode provocar, de se aprobar, é a desaparición do galego ou a súa redución á mínima.

Especialmente grave é a perda sistemática de exposición ao galego no ámbito urbano para a etapa infantil, de tal maneira que moitas nenas e nenos que viven en contornos xa fondamente castelanizados non obteñen as competencias reequilibradoras das desigualdades que o ensino debe garantir. De feito, no último estudo realizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, a respecto da presenza da lingua galega nas aulas de ensino infantil das sete cidades galegas, o galego está ausente por completo no 95,04% dos centros. Segundo declaran os 282 centros consultados, a suma daqueles que empregan total ou parcialmente o galego no ensino de nenos e nenas de 3 a 6 anos non supón máis que un 4,96% do total, isto é, 14 colexios en todo o país.

A realidade correspóndese, pois, coa falta de dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes e coa exclusión de coñecemento do galego desde as idades máis temperás nun ensino cada vez máis castelanizado. O Anteproxecto de lei orgánica para a mellora da calidade educativa reforza aínda moito máis a idea de que os únicos deberes para as administracións públicas fiquen referenciados ao uso do castelán.

Por todo isto, o GM do BNG de Pontedeume presentou no día de onte unha moción solicitando.

  1. 1.      A retirada do Anteproxecto de lei orgánica para a mellora da calidade educativa.
  2. 2.      A esixencia de que a Xunta da Galiza solicite ao goberno do estado a retirada do Anteproxecto de lei orgánica para a mellora da calidade educativa, por invadir as súas competencias.
  3. 3.      A necesidade de que o sistema educativo potencie a diversidade lingüística e fomente a lingua propia do noso país, respondendo, desta maneira, ao contexto onde se insire e partindo, por tanto, das distintas realidades lingüísticas que caracterizan o Estado español.

Aliás, animamos á comunidade educativa do concello a secundar a folga do día 9 de maio.

Pedimos a retirada da LOMCE e animamos a secundar a folga do día 9 nos centros educativos Eumeses.