O BNG de Pontedeume quere que se manteña o Xulgado de Paz e a gratuidade do Rexistro Civil.

O BNG de Pontedeume quere que se manteña o Xulgado de Paz e a gratuidade do Rexistro Civil.

As recentes noticias publicadas en prensa, así como os borradores de reforma da Lei orgánica do poder xudicial e do Rexistro Civil, veñen a pór de manifesto que o goberno do PP no Estado quere eliminar tanto os Xulgados de Paz como os rexistros civís, de tal forma que estes últimos pasan a ser competencia dos Rexistros da Propiedade.

 A proposta do Goberno central avoga claramente pola desaparición dos Xulgados de Paz, ao figurar que a potestade xurisdicional se exercerá “con exclusividade nos seguintes tribunais: Tribunal Supremo, Audiencia Nacional, Tribunais Superiores de Xustiza e Tribunais de Instancia”. Os Xulgados de Paz xogan un papel moi importante no achegamento da administración de Xustiza ás persoas usuarias deste servizo público, ao realizaren trámites de auxilio xudicial que lles evitan desprazamentos e custes económicos, como son, entre outros, as citacións e notificacións xudiciais, a realización de conciliacións. Xa que logo, a súa supresión vai afectar negativamente a moitas persoas ao desapareceren estes órganos de apoio xudicial básicos, que existen en todos os concellos, sen máis alternativa que a concentración nos xulgados de instancia, que só están localizados en determinadas cabeceiras de comarca e nas cidades.

No que atinxe á modificación dos Rexistros Civís, non só se aborda a súa eliminación de xeito parello á desaparición dos Xulgados de Paz, senón que ademais se encomenda a súa competencia a rexistradores/as da Propiedade. Dese xeito, un servizo até o de agora gratuíto pasará a ser de pago, como manifestou o propio colectivo de rexistradores/as que, en principio, mantén unha postura remisa a asumir esas competencias,  “se non queda absolutamente claro que as persoas usuarias custearán o servizo”. Neste caso, afectará a unha ampla maioría, pois serán todas as persoas que precisaren expedir documentos básicos para acreditar a súa situación persoal, que á súa vez son imprescindíbeis para cobrar pensión, prestacións de servizos sociais ou axudas públicas.

Por tanto, é evidente, que as pretendidas reformas, non van en beneficio da maioría das persoas, senón que se fan con criterios única e exclusivamente economicistas e corporativistas, fomentando o pago directo a determinados funcionarios/as públicos por un servizo que debe ser gratuíto, alén de iren na dirección contraria á modernización da administración de xustiza e do Rexistro Civil.

Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG de Pontedeume presentou unha moción, solicitando da Corporación en Pleno, a adopción dos seguintes

 

ACORDOS

  1. 1.   Expresar o rexeitamento á proposta do Goberno do Estado relativa á supresión dos Xulgados de Paz e á asunción por parte dos Rexistros da Propiedade e  e ás Notarías das funcións dos Rexistros Civís, instando ao Goberno do Estado á inmediata retirada deste anteproxecto de lei.
  2. 2.   Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno Central o mantemento dos Xulgados de Paz, así como a que se garanta a gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís.
  3. 3.   Dar traslado deste acordo ao Goberno central e á Xunta de Galiza.

 

O BNG de Pontedeume quere que se manteña o Xulgado de Paz e a gratuidade do Rexistro Civil.