O BNG de Pontedeume a prol da Cultura Galega.
A cultura galega pasa por un momento de especial dificultade. A crise está afectando ao desenvolvemento dos diferentes sectores culturais que atravesan un momento crítico. Os últimos informes de organismos oficiais testemuñan a realidade desta afirmación. Así, o Consello da Cultura Galega (CCG) en relación coas artes escénicas, por exemplo, afirma que entre 2009 e 2011 perdéronse mil funcións de teatro. Unha situación que o CCG cualifica como dramática, ao tempo que alerta da precariedade como síntoma definitorio da situación actual. E as asociacións representativas dos diferentes sectores levan tempo alertando desta realidade e reclamando cambios na orientación da política cultural da Xunta de Galiza
Mais debemos retrotraernos ao ano 2009 cando, o goberno do PP na Xunta de Galiza, iniciou un claro proceso de desmantelamento da cultura galega. Situación que se agudizou nestes últimos meses coa parálise nas redes de programación da Xunta, sen xerencia desde outubro na Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), -nomeando hai 10 días a Jacobo Sutil, director-xerente, unha persoa vinculada ao sector da construcción e allea totalmente á cultura e á cultura galega- cos recortes brutais no apoio público á cultura galega e cunha ausencia total de diálogo co sector, como menosprezo patente do xeito de tratar aos nosos creadores e creadoras.
O feito é de que a crise está sendo a coartada perfecta para levar adiante un programa de desmantelamento do noso sistema cultural.
Unha estratexia do PP que entronca cos ataques á nosa lingua e ao todo o que nos identifica e define como un pobo con cultura propia. As consecuencias son visíbles: paro, precariedade e emigración, para os nosos creadores e creadoras, empobrecemento da vida cultural galega e unha limitación do acceso á cultura para milleiros de cidadáns e cidadás. Mentres o goberno do PP na Xunta de Galiza teima en destinar miles de millóns de euros a manter os edificios da Cidade da Cultura; malbaratando fondos públicos nun acto irresponsable que o pobo galego paga caro.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG de Pontedeume solicita deste Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte Acordo:
1.- Instar á Xunta de Galicia a
- A. Iniciar con urxencia un proceso de diálogo cos diferentes sectores e asociacións representativas da cultura galega, para consensuar medidas e actuacións en materia de política cultural.
- B. Proceder a convocatoria urxente das diferentes redes de programación para o primeiro semestre de 2013 e iniciar a convocatoria da segundo semestre da programación da AGADIC, negociando cos concellos e entidades representativas dar artes escénicas e musicais os criterios e requisitos das redes, e garantindo unha dotación que permita unha programación cultural non inferior a de convocatorias anteriores.
- C. Convocar no ano 2013 un programa, en colaboración cos concellos galegos, que promova a contratación de espectáculos de teatro, danza, narración oral, novo circo, maxia e concertos de música producidos en Galicia co obxectivo de promover a distribución de produtos culturais galegos e espallar a cultura entre os cidadáns e as cidadás galegos.
- D. Rebaixar o orzamento adicado á Cidade da Cultura, destinando estes recursos á axudas aos diferentes sectores da cultura galega e á realización de actividades e difusión das producións culturais galegas no conxunto das aldeas, vilas e cidades galegas.
- E. Establecemento dun programa de bono-cultura, que subvencione a adquisición de produtos culturais producidos en Galicia s seus diferentes soportes, coa finalidade de reactivar a compra de produtos artísticos e culturais.
2.- Impulsar dende o Concello a presenza de propostas culturais galegas nas festas populares, vinculando as subvencións outorgadas con cargo aos orzamentos municipais á contratación de creadores, creadoras e artistas galegos.