O BNG de Pontedeume apoia aos nosos emigrantes e denuncía o cinismo do Estado Español.

O BNG de Pontedeume apoia aos nosos emigrantes e denuncía o cinismo do Estado Español.

O BNG de Pontedeume, após de reunirse cun grupo de emigrantes da localidade afectados polo expediente da Axencia Tributaria, rexistrou unha moción de apoio ás persoas afectadas que a acontinuación pasamos a expoñer, ao mesmo tempo que denunciamos a persecución a persoas traballadoras que o Estado Español expulsa da súa terra para buscar un futuro que aquí se lles nega, mentres dende ese mesmo estado se procede a amnistías fiscais para grandes fortunas que evaden impostos en paraísos fiscais.

Galiza padeceu, e continúa padecendo, unha emigración brutal. Miles de galegos e galegas emigraron desde comezos do século XIX a moitos países para procurar un medio de vida. Hoxe, persoas mozas cunha alta cualificación, tamén se ven obrigadas a facer o mesmo que fixeron os seus avós e avoas para poderen ter un traballo.

Moitas das persoas emigrantes, xa de retorno na Galiza e en idade de xubilación, son beneficiarias de pensións que perciben de estados estranxeiros. Nos últimos meses este colectivo comezou a recibir requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro, coa finalidade de proceder á regularización ou no seu caso formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondente ao exercicio de 2008.

Estes requirimentos, que tamén indican a obriga a realizar esta actualización en relación cos exercicios de 2009, 2010 e 2011, estanse producindo nos últimos días de forma masiva en toda Galiza afectando a milleiros de persoas pensionistas retornadas, e de forma moi intensa, tamén a veciños e veciñas do noso concello.

Hai que constatar que estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade ou de defraudar por parte destas, e que se  apoia co feito de os estados pagadores nunca lles expediren ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.

Con estes antecedentes resulta sorprendente que, cinco anos máis tarde, reciban este tipo de requirimentos por parte da Axencia Tributaria, coa advertencia dunha posíbel sanción por non teren cumprido con obrigas tributarias que descoñecían. E cando os evasores fiscais se benefician de amnistías, constitúe unha auténtica inmoralidade a simple ameaza dunha sanción a estas persoas, traballadores e traballadoras emigrantes retornadas.

Desde o mes de febreiro veñen mantendo reunións coa Axencia Tributaria sen que se obtivesen resultados concretos, agás a posibilidade de ampliación de prazos para o pago das declaracións complementarias.

Por outro lado, até hai poucos días os expedientes sancionadores referíanse ao exercicio de 2008 e permitían a presentación en período voluntario das declaracións dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012. Porén temos coñecemento de que recentemente hai persoas que recibiron expedientes que inclúen todos os exercicios, un feito que complica de forma moi relevante a súa situación.

A única saída a esta situación é que o Goberno do Estado anule todos os expedientes sancionadores e que se inicie unha campaña para informar adecuadamente as persoas pensionistas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, obviando os exercicios do período 2008-2012. Esta medida é a única razoábel e xusta tendo en conta a inexistencia de información e a ausencia de responsabilidade e por tanto de vontade de fraude por parte destas persoas.

E sen prexuízo das medidas urxentes para evitarlles esta penosa situación, é preciso que, por parte do Goberno do Estado para evitar novas situacións, se  revisen os convenios marco con outros países, como por exemplo o estabelecido con Alemaña no ano 2012.

Por iso, o BNG de Pontedeume solicita deste Pleno da Corporación Municipal, a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.- Manifestar o apoio do Concello de Pontedeume aos veciños e ás veciñas beneficiarias de pensións percibidas no estranxeiro afectadas pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria.

2.- Solicitar á Xunta de Galiza o estabelemento de mecanismos para colaborar con noso concello de Pontedeume na prestación de asesoramento a todas as persoas afectadas que o precisaren.

3.-  Demandar do Goberno do Estado a adopción urxente das seguintes medidas:

  • A anulación de todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Estatal Tributaria e que se lles notificaron nos últimos meses a persoas beneficiarias galegas de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios a partir do ano 2008, tendo en conta o absoluto descoñecemento que tiñan desta obriga tributaria.
  • O inicio dunha campaña de información a todas as persoas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, anulando os requirimentos relativos  aos exercicios comprendidos entre os anos 2008 e 2012.
  • A revisión dos convenios marco con outros países para evitar que situacións deste tipo poidan volver a producirse no futuro.

4.- Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, ao presidente do Goberno do Estado e aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza e do Congreso de Deputados.

 

O BNG de Pontedeume apoia aos nosos emigrantes e denuncía o cinismo do Estado Español.