Denunciamos o estado lamentábel de conservación no que se atopa Pontedeume.
O BNG de Pontedeume, denuncia e fai responsábel á Alcaldía do estado lamentábel de conservación no que se atopa o concello, e que foi motivo de crítica, non so por parte das veciñas e veciños da vila senón mesmo de visitantes, que din non comprender o estado de abandono dun municipio que está considerado de Interese Turístico.
Entre as eivas máis salientabeis que podemos destacar, que non as únicas, e das que se fai eco o noso grupo municipal a instancias da veciñanza están; o estado da avenida de Raxoi que segue agardando día a día, adoquín a adoquín, unha fochanca que se debería amañar xa, para que non vaia a máis. Tambén pódese dicer o mesmo do estado no que se atopou ao longo dos últimos meses o patio da casa da cultura, ou o parque Sarmiento, onde non so hai que cortar a herba máis a cotío senón que se deberían reparar as farolas rotas. Mención especial merece o estado de abandono no que se atopa o paseo marítimo en xeral e o Teixo pantasmagórico que nel se atopa, noutra hora fermoso e exuberante.
Por último, o BNG agarda que todas estas deficiencias sexan reparadas antes da celebración das nosas festas patronais, e
que o mantemento de todas estas áreas recreativas e monumentais sexan realizadas polo persoal do concello como acontecía antes de chegar o PP á alcaldía, cun resultado infinitamente mellor e máis económico para as arcas municipais. Agardamos non ter que esperar a que se convoquen eleccións municipais para que o alcalde contrate ás empresas amigas o parcheado da vila e parroquias unha semana antes da cita electoral como aconteceu nas últimas.