Solicitamos a mellora da conexión a internet nos centros educativos do IES Breamo e Fragas do Eume.
O BNG de Pontedeume rexistrou unha moción pedindo o acordo da corporación municipal para que se solicite á Consellería de Educación a mellora da conexión de internet nos centros educativos IES Breamo e Fragas do Eume.
O estudantado do IES Breamo de Pontedeume comezou a recollida de sinaturas para reclamar unha mellora na conexión a internet do seu centro. O alumnado e profesorado do IES Breamo de Pontedeume están a sufrir as consecuencias derivadas da mala conexión a internet no centro e ven como hoxe en día o traballo na nube se está impoñendo. Consideran que non sería preciso a instalación de programas locais (nos computadores), e ademais teñen os arquivos dispoñíbeis desde calquera equipo con conexión a internet.
Poderían traballar de xeito colectivo compartindo documentos, presentacións, follas de cálculo, blogs sen necesidade duns equipos de último modelo e ven como cada vez máis que unha boa educación precisa do coñecemento por parte do alumnado destas ferramentas. Unha conexión de 100 MB non é necesariamente máis cara que unha de 6 MB, e tampouco é un luxo para un centro educativo, se non que consideramos que é algo básico, útil e necesario.
Por todo o anteriormente mencionado, o Comité do IES Breamo comezou unha recollida de sinaturas entre o estudantado a semana pasada e entre nais e pais esta semana onde reclaman a inmediata actuación por parte da Consellaría de Educación para solventar este problema que levan arrastrando varios anos.