O BNG de Pontedeume rexistrou unha moción en apoio ás reindivicacións dos colectivos LGTBIQ.

orgulho
orgulho
O BNG de Pontedeume rexistrou unha moción en apoio ás reindivicacións dos colectivos LGTBIQ.

O grupo municipal do BNG de Pontedeume, ao abeiro do Regulamento orgánico municipal, rexistrou unha moción en apoio ás reindivicacións dos colectivos LGTBIQ. Estes son os motivos e o que solicitamos:

O próximo 28 de xuño é o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ e aproveitamos esta data para recoller as reivindicacións dos colectivos e traelos ao Pleno da Corporación coa finalidade de darlles visibilidade e apoio institucional.

Pasou un ano desde que o PP, coa súa maioría rexeitou no Parlamento a proposta da Lei galega de Identidade de Xénero, un texto proposto polos colectivos e asumido polos grupos parlamentares da oposición, cos únicos votos en contra do PP. Actualmente estase a valorar a posibilidade de volver a presentala e agardamos que desta vez o apoio sexa unánime. Homologarnos a Asturias, Madrid, Valencia, Canarias é urxente e necesario para que as persoas LGTBIQ+ dispoñan dun marco legal que ampare as súas necesidades e se despreguen os dispositivos necesarios para dar unha atención axeitada, independentemente do lugar onde se habite no noso país. A despatoloxización debe ser prioritaria para poder avanzar cara a normalización das vidas das persoas de todas as identidades sexuais, e iso só pode ser abordado desde unha lei galega.

Por outra banda instamos á Xunta de Galiza a aplicar en toda a súa dimensión a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia no que respecta aos ámbitos que nela se recollen como son o da Policía e xustiza, laboral, familiar, da saúde, da educación, da cultura e o ocio, do deporte, da xuventude e da comunicación. Normalizar, visibilizar, despatoloxizar, formar e informar son os obxectivos marcados.

Por iso, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte acordo.

 

  1. Instar á Xunta de Galiza e a todas organizacións políticas do Parlamento,

    a) A impulsar a Lei Galega de Identidade de Xénero onde se recollan as reivindicacións dos colectivos, especialmente a despatoloxización das diversas identidades sexuais.

    b) Desenvolver e aplicar a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia en todos os ámbitos que se mencionan na mesma: da Policía e xustiza, laboral, familiar, da saúde, da educación, da cultura e o ocio, do deporte, da xuventude e da comunicación.

    c) Dotar orzamentariamente o desenvolvemento efectivo da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galiza.

O BNG de Pontedeume rexistrou unha moción en apoio ás reindivicacións dos colectivos LGTBIQ.