Ana Pontón critica que o modelo da UE é un negocio ruinoso para os sectores productivos de Galiza.
A DEPUTADA DO BNG CONTRAPUXO A ESE MODELO, O DA EUROPA DOS POBOS, NO QUE GALIZA TEÑA CAPACIDADE DE DECISIÓN
Pontedeume 17 de maio 2014. A deputada do BNG no Parlamento Galego, Ana Pontón, intervíu hoxe nun acto público do BNG en Pontedeume; no que fixo referencia á UE como "un negocio ruinoso para Galiza, porque o resultado a día de hoxe das políticas da UE no noso país non deixou máis que vetos e limitacións aos nosos sectores produtivos" aludindo específicamente ás decisións comunitarias en relación do sector agro-gandeiro, a pesca e tamén o naval.
Ana Pontón -que estivo acompañada polo responsábel local, Xurxo Allegue, o portavoz municipal, Antonio Salvadores, e a portavoz dos emigrantes retornados, Celina Jossenge- fixo unha referencia ao "impacto demoledor que tivo na economía comarcal o veto imposto á construción naval, empobrecendo aínda máis ao conxunto da sociedade de Ferrolterra, Eume e Ortegal; que acumula un índice de desemprego superior ao 30%"; afirmando logo que "as galegas e galegos queremos traballar e vivir dignamente no noso país, e o modelo da UE non nos deixa".
A deputada nacionalista fixo tamén unha referencia á "sangría que supón a emigración á que se ven obrigados milleiros de mozas e mozos -máis de 120.000- provocando unha caída demográfica que amenaza á nosa mesma existencia como país", afirmando logo que "ou decidimos gobernar nós a nosa terra en función dos nosos intereses, ou nos gobernará a UE en función dos intereses dos mercados, dos monopolios e dos bancos".
Pontón fixo unha referencia específica á situación de "milleiros de mulleres e homes que foron emigrantes, e que agora son tratados como se fosen defraudadores; mentras que as grandes corporacións bancarias campan ás súas
anchas, actuando como depredadores financieiros e afogndo a economía produtiva de pobos como o galego"; para acabar solicitando o voto ao BNG "porque é a única garantía de que Galiza teña voz e capacidade para a defensa das nosas vidas e do noso futuro".