O Pleno municipal aproba unha moción para mellorar e dotar de seguridade o lugar de Campolongo na N-651

Campolongo
Campolongo
O Pleno municipal aproba unha moción para mellorar e dotar de seguridade o lugar de Campolongo na N-651

Tiveron que pasar 4 anos para aprobar a iniciativa do BNG

No pasado pleno ordinario do 29 de novembro aprobouse por unanimidade unha moción para demandar melloras e adoptar medidas de seguridade en Campolongo, por onde discorre a N-651. A noticia está en que a moción é idéntica á presentada polo BNG fai catro anos, o 31 de outubro de 2013, e daquela foi rexeitada polos votos do PP desde o goberno; agora están na oposición e parece que se decatan da necesidade das medidas defendidas polo BNG.

Por outra parte, continúan a se celebrar os plenos en horario de mañá para impedir a presenza de veciños e veciñas nas sesións. Só tres persoas acudiron á cita, e xa é moito porque o habitual é que non haxa ninguén, o que mantén feliz ao PSOE e ao PP.

Primeiro foron os do PP cando gobernaron e agora segue o PSOE. Como ten que seren para estes dous partidos, tan dados a facilitar a participación da xente nos referendums ou nos actos onde a xente pode decidir, falar ou preguntar.

O goberno local aproveitou o pleno para cambiar as reunións da xunta de goberno para facilitar a asistencia dalgúns dos seus membros, e cremos que sempre é importante contar con facilitar a participación dos/as representantes da cidadanía e ter en conta a súa disponibilidade.

Mais é unha mostra do cinismo destes representantes que mentres mudan os horarios para poder acudir e cobrar asistencias, néganse a celebrar os  plenos en horario de tarde, a pesar de que a maior parte de concelleiros e concelleiras non teñen  dedicación exclusiva e debemos compaxinar estas función coas dos propios traballos.

Están a priorizar os seus intereses persoais deixando de lado a  posibilidade da participación cidadá.

O Pleno municipal aproba unha moción para mellorar e dotar de seguridade o lugar de Campolongo na N-651