Non á privatización do rexistro civil.

Non á privatización do rexistro civil.

nom a privatizaçom do registro civilO BNG de Pontedeume a través do seu Portavoz municipal e candidato á alcaldía de Pontedeume polo BNG-Asembleas Abertas, Antonio Salvadores, ven de presentar una moción pedindo o acordo da corporación municipal  para o rexeitamento ao Real decreto-lei 8/2014, do 4 de xullo, de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, instando ao Goberno do Estado español á inmediata derrogación deste Real decreto e á paralización do traspaso do Rexistro Civil aos rexistros da propiedade e mercantís. E solicitando Instar á Xunta de Galicia a que demande do Goberno central que se garanta o servizo público, a atención nos xulgados de paz e a gratuidade futura nas funcións que prestan os rexistros civís. E dar traslado deste acordo ao Goberno Central, ao Ministerio de Xustiza, á Xunta de Galicia e á FEGAMP.

O día 25 de abril de 2013, dous anos atrás, o BNG presentou unha moción semellante a esta, requerindo o rexeitamento deste Pleno, igualmente constituído como hoxe, do borrador de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e do Rexistro Civil que pretendía a eliminación tanto dos Xulgados de Paz como dos actuais Rexistros Civís, froito da inminente entrada en vigor da Lei 20/2011, de 11 de xullo.

 Lembramos que naquela ocasión o Goberno municipal rexeitouna cos seus 8 votos.

 O goberno do PP no Estado español aprobou o pasado ano o Real decreto-lei 8/2014, do 4 de xullo, que leva aparellado o traspaso dos rexistros civís aos rexistros da propiedade e mercantís. Desaparece, así, un servizo público que se prestaba gratuitamente á organización rexistral, onde se gravan cun arancel as prestacións realizadas aos usuarios e usuarias. Dese xeito, un servizo até o de agora gratuíto acabará converténdose con case total seguranza en de pago obrigado. A este respecto, cómpre subliñar que o obxectivo do PP no seu modelo de servizos públicos privatizador é que as persoas usuarias sexan as que custeen o servizo, como xa foi introducindo na sanidade ou nos servizos sociais.

 O Rexistro Civil é un servizo público e gratuíto, como noutros países europeos,  que cumpre numerosas funcións, que son indispensables para a vida diaria de calquera persoa: inscrición de nacementos, estado civil, cambio de nome ou sexo... Hai trámites sinxelos, mais outros requiren acudir en persoa, o que o converte nun servizo imprescindible. E as persoas usuarias van ser as que precisaren expedir documentos básicos para acreditar a súa situación persoal, uns documentos que, á súa vez, son obrigatorios para cobrar pensión, prestacións de servizos sociais ou axudas públicas. Para alén disto, en moitos casos terán que facer longos e custosos desprazamentos, pois recentemente confirmouse que o Rexistro vai ser asumido unicamente por aqueles que teñen competencias mercantís. O mapa, pois, na Galiza ficaría só con rexistros na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra, fronte á actual presenza dos rexistros civís en todos os concellos galegos.

Despois de ter investido inxentes recursos públicos para a modernización e dixitalización dos rexistros civís, agora póñense en mans privadas, impoñendo taxas que non ingresarán nas arcas públicas senón nas dos rexistradores/as directamente. E, a maiores, a protección de datos persoais e obrigatorios que contén o Rexistro Civil queda en evidencia ao se poñer en mans de persoal que non ten o carácter de funcionariado público nin o deber de confidencialidade. Por outra parte, é preciso non esquecer a previsible perda de postos de traballo de persoal dependente agora do Ministerio de Xustiza.

 Por tanto, é evidente, que non vai en beneficio da maioría das persoas, senón que se aplica con criterios única e exclusivamente economicistas e corporativistas, fomentando o pago directo a determinados funcionarios/as públicos por un servizo que debe ser gratuíto, alén de iren na dirección contraria á modernización da administración de xustiza e do Rexistro Civil.

 

 

 

 

Non á privatización do rexistro civil.