Outro modelo enerxético é posíbel en Pontedeume e na Galiza.
O BNG-AA de Pontedeume ven de rexistrar unha moción para que o goberno municipal inicie os estudos pertinentes, no menor tempo posíbel, para que o Concello de Pontedeume poida contratar a enerxía eléctrica a través das diferentes cooperativas existentes como Nosa Enerxia.
O proceso de privatización da enerxía trouxo graves consecuencias sociais e económicas, levando un ben básico a ser transformado no grande negocio dunha minoría. Isto agrávase en territorios produtores como Galiza, onde sufrimos as consecuencias sociais e medio ambientais, mais sen que as empresas tributen aquí ou teñamos unha tarifa propia, tal e como acontece noutros estados do mundo como Alemaña, Reino Unido ou Austria.
A nivel municipal temos a capacidade de apoiar unha transformación de modelo enerxético apostando por alternativas ás grandes eléctricas. Nos últimos anos estanse a crear cooperativas enerxéticas que apostan por un modelo social, ético e limpo da enerxía. O Concello de Pontedeume ten que estudar a posibilidade de mudar os seus contratos coas empresas eléctricas por algunha destas cooperativas, co fin de camiñar dende a institución local cara unha visión da enerxía como elemento universal e non como macronegocio. A maiores disto cómpre ter en conta que non é preciso mudar todo o subministro de forma inmediata, senón que se pode facer un proceso progresivo coas diferentes instalacións municipais.
Encetando con esta moción apresentada, o BNG-AA vai realizar un acto público o 19 de febreiro as 19 h no centro de maiores da vila, no que se exporá a ILP para Unha Tarifa Eléctrica Galega aprobada por unanimidade no parlamento galego a iniciativa da CIG, alén da moción apresentada por nós no propio Concello. E na que intervirán Ana Veira concelleira do BNG-AA de Pontedeume e Xosé Manuel Golpe asesor enerxético.