Esiximos ao goberno Eumés que se comprometa cos sectores productivos tradicionais do mar.

Esiximos ao goberno Eumés que se comprometa cos sectores productivos tradicionais do mar.

O BNG-AA de Pontedeume ven de rexistrar unha moción para o seu debate no pleno municipal, solicitando mariscadorasque o goberno municipal que se comprometa firmemente coa defensa dos sectores produtivos tradicionais do mar e que esixa a Xunta de Galiza  a retirada do Anteproxecto da Lei de Acuicultura de Galiza e o inicio dos contactos necesarios cos sectores afectados ao fin de redactar un texto acordado dende a base.

A nova PPC (Política Pesqueira Común) pretende que acuicultura sexa unha das grandes beneficiadas dos investimentos do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro, que contempla un orzamento de aproximadamente 6.400 millóns de euros para o período 2014-2020, dos cales 1.000 millóns de euros van ser destinados para potenciar e desenvolver proxectos acuícolas.

O Goberno español asume os criterios impostos pola UE que contempla como obxectivo prioritario a eliminación das cargas burocráticas, de xeito que a tramitación das solicitudes conten cunha única administración para que se axilice e simplifique as solicitudes, pero, sobre todo, que se eliminen determinados criterios que impiden que estas instalacións se poidan construír naqueles lugares que consideran os promotores; isto é, que se rebaixen as actuais normas establecidas por Costas do Estado e polas diferentes administracións autonómicas, con competencias en medio ambiente para desbloquear as zonas susceptibles de implantación.

Este é o modelo que está a impulsar o Goberno español, e recolle as esixencias da parte patronal que considera que non se pode retraer o desenvolvemento da acuicultura por criterios medioambientalista, urbanísticos ou administrativos.

Non se entende un país sen un tecido produtivo. Non se entende o noso país esquecendo unha das partes mais importantes do seu tecido produtivo: o mar. E mal entenderemos se Pontedeume esquece o mar e as súas xentes.

Galiza é posuidora dunha fermosa acuicultura tradicional, desenvolvida e mellorada ao longo do tempo coa sabedoría que dá o trato cotián, continuado e próximo. E as rías son, grazas ás súas características e a esa acuicultura tradicional, sostén de ducias de miles de empregos directos e inducidos que xeran unha actividade sostible social e ambientalmente, unha riqueza económica que transcende a xeografía e se converte en sinal de identidade no mundo.

No ano 2012 a produción acuícola en Galiza alcanzou aproximadamente as 230.000 toneladas, empregando a preto de 4.000 persoas cun volume de 170 millóns de euros.

Na actualidade en Galiza hai:

  • 3.537 bateas;
  • 1.192 parques de cultivo;
  • 20 criadeiros (14 de moluscos e 6 de peixes);
  • 30 granxas mariñas (26 engorde de peixe e 4 de moluscos e cefalópodos).

É coñecido que o sector vén atravesando anos de crise que se manifesta en escasa produción e prezos cambiantes e minguantes, sen que a Administración e os representantes dos produtores dean coa tecla da solución.

Despois de varios plans de acuicultura que nin duraron no tempo nin melloraron en absoluto o sector, o goberno do PP na Xunta de Galicia presentou en agosto do ano pasado o Anteproxecto da Lei de Acuicultura. Aprobado polo Consello da Xunta o día 1 de outubro, foi publicado no DOG do 19 de outubro, abrindo un período de alegacións dun mes, que tivo que ampliarse por un mes máis por mor das queixas sobre a imposibilidade de estudar tal documento en tan curto prazo do tempo.

A revisión confirmou que se trata dun proxecto contrario aos intereses do sector, e que pon as bases legais e administrativas que permitirán a introdución dos grandes grupos multinacionais, facilitando o desembarque da acuicultura industrial nas zonas declaradas aptas, desprazando a acuicultura tradicional, o marisqueo e a pesca de baixura.

Destacan negativamente, entre moitas outras, as seguintes disposicións:

  • A transformación do marisqueo en acuicultura, coa conseguinte privatización das zonas de cultivo e produción.
  • Abre a posibilidade de cambiar o modelo de autorización a concesión, o que modifica significativamente a xestión das zonas.
  •  A eliminación de mecanismos administrativos de protección, como por exemplo a análise de incidencia ambiental e os criterios urbanísticos dos concellos.
  • A incidencia supramunicipal dos proxectos, polo que non se poderán parar desde os concellos por moito que prexudiquen gravemente os seus sectores produtivos.
  • O carácter de interese público declarado por esta lei, permíte expropiar calquera terreo litoral ou terrestre que sexa do seu interese. Tampouco quedan a salvo os espazos naturais protexidos, nos que se poderán autorizar instalacións acuícolas.
  • Posibilita a acuicultura multitrófica, con novos cultivos que afecten á riqueza produtiva da ría.
  • Permite a utilización de produtos farmacolóxicos e piensos non naturais, implicando o deterioro ambiental do medio mariño.
  • Prohíbe a pesca no ámbito deses establecementos acuícolas.

 

 

 

Esiximos ao goberno Eumés que se comprometa cos sectores productivos tradicionais do mar.