Moción en defensa das reclamacións dos mariños galegos agrupados na asociación LONGHOPE
O BNG-AA de Pontedeume rexistrou una moción en defensa das reclamacións dos Mariños Galegos agrupados na asociación Longhope. A continuación expoñemos as suas causas e o acordo con as medidas que solicitamos da corporación municipal no pleno deste 29 de outubro de 2015 para a defensa dos afectados por este novo calote.
O pobo galego sofre dende hai longo tempo unha terrible emigración. As librarías e as bibliotecas están cheas de estudos máis ou menos documentados sobre a traxedia que a emigración supón para quen está obrigado a deixar a súa terra, ben por motivos socioeconómicos, ben por cuestións políticas, ou por unha mestura de ambas as dúas e algunha máis, para procurar acomodo noutra terra afastadae allea. Reflicten tamén eses documentos as consecuencias que a maldición da emigración carrexa para Galiza, que fica manca do sector máis activo da pirámide poboacional e produtiva, e desequilibrada pola longa ausencia de homes, ou mulleres, ou dos dous, pais, ao fin, que deixan de ser parte habitual da unidade familiar básica.
Non atoparemos neses documentos capítulos adicados á emigración no mar, maiormente homes que buscaron e atoparon traballo a bordo de buques de bandeiras estranxeiras. A década dos anos 50 do século pasado veu como os principais portos europeos se enchían de galegos na procura dun posto nas tripulacións dunha flota mundial enormemente dimensionada e sempre necesitada de man de obra capaz e responsable, condicións das que andaban sobrados os nosos compatriotas. Aqueles homes, curtidos dende nenos nos nosos mares, aprendidos por avós e pais, construíron a ben merecida fama que os mariñeiros galegos acadaron ao longo do tempo nas compañías marítimas de toda Europa, de xeito que a condición de galego era o mellor curriculum vitae que calquera podía presentar para ter praza nun daqueles barcos, que ofrecían mellores condicións de traballo e de seguridade, mellores salarios e mellores condicións sociais que os seus correspondentes españois.
Noruega, posuidora sempre dunha boa parte da tonelaxe marítima mundial, tamén tirou proveito do saber, da experiencia e do traballo dos mariños galegos. Por anos e anos, baixo a bandeira de calquera dos dous rexistros noruegueses, o Norwegian Ordinary Ship Register (NOR) e o Norwegian International Ship Register (NIS), desenvolveron boa parte da súa vida profesional e pagaron os impostos que a administración norueguesa lles impuxo.
Ao contrario doutras bandeiras marítimas europeas, Noruega non recoñece aos mariños galegos nin os anos que navegaron baixo o seu pavillón, o que impide que sexan computados en calquera cálculo a efectos de xubilación, nin os dereitos de pensión derivados dos impostos tributados ao longo daqueles anos, ata 1994. A administración norueguesa rexeita o recoñecemento dos dereitos dos nosos concidadáns alegando a súa condición de non residentes durante o tempo que navegaron nos seus buques, condición que non esixe aos seus connacionais que se atopan nas mesmas condicións, conculcando deste xeito, cando menos, o
- · Artigo 14 do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos que prohibe calquera forma de discriminación; considerando a pensión de xubilación como un dereito de propiedade e polo tanto elemento de protección; ou
- · Artigo 98 da Constitución de Noruega que prohíbe a discriminación entre nacionais e estranxeiros.
Dende 2008, a organización Longhope está a loitar polo recoñecemento dos dereitos dos aproximadamente 12.000 mariños galegos afectados polas manobras do goberno noruegués.
O traballo da organización Longhope non é en solitario pois en marzo pasado o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposta do Bloque Nacionalista Galego, instando ao Goberno a interpoñer demanda contra Noruega por discriminar aos mariñeiros galegos no recoñecemento dos seus dereitos, ao non haber xustificación obxectiva e razoable para a vulneración da prohibición de discriminación por nacionalidade na que incorreu Noruega.
Pouco antes, en febreiro, as deputadas do Bloque Nacionalista Galego no Congreso presentaron unha proposición non de lei instando ao goberno do Estado a:
- · Adoptar as medidas legais correspondentes para interpor unha demanda contra o Estado noruegués ante o tribunal Europeo dos Dereitos Humanos , ao abeiro do artigo 33 do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos ao vulnerar a prohibición de discriminación por nacionalidade por esixir a residencia aos mariñeiros galegos enrolados en buques de Noruega, como requisito para incluílos no Sistema da Seguridade Social. Requisito que non se esixiu aos mariñeiros de nacionalidade norueguesa enrolados nos mesmos buques noruegueses.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG-AA de Pontedeume propón á Corporación a adopción do seguinte
ACORDO
1.- O Concello de Pontedeume apoiará institucionalmente o traballo da Asociación Longhope.
2.- O Concello de Pontedeume comprométese firmemente a favor do pago das pensións dos noso mariños, situándose do seu lado e asumindo as súas demandas, e a facer presión mediante as súas posibilidades administrativas a Noruega a que pague as pensións aos nosos compatriotas.