COMUNICADO

A SITUACIÓN DA VIVENDA EN PONTEDEUME

Pontedeume-415
Despois da presentación do estudo das VUT en Pontedeume, este proceso regulador atópase na súa fase inicial, na que, polo de agora, a única medida acordada é a suba da taxa do lixo para estes establecementos turísticos a partir do ano 2026.
A SITUACIÓN DA VIVENDA EN PONTEDEUME

O pasado mércores, o goberno local, a través das redes sociais do Concello e da prensa, facía público o inicio dos trámites para a regulación das Vivendas de Uso Turístico (VUT).

Despois da presentación do estudo das VUT en Pontedeume, este proceso regulador atópase na súa fase inicial, na que, polo de agora, a única medida acordada é a suba da taxa do lixo para estes establecementos turísticos a partir do ano 2026. Tamén existe o compromiso de modificar o PXOM e de elaborar unha ordenanza reguladora, que aínda non foron presentados e, segundo o goberno, estarán redactados ao longo deste ano.
 
Desde o BNG de Pontedeume, tal e como xa transmitimos no seu momento, concordamos coa necesidade de regular e limitar as VUT, xa que representan un problema real que afecta negativamente á vida de moitas veciñas e veciños. Porén, queremos facer algunhas apreciacións sobre este tema:
 
  1. Pontedeume perde poboación a grande velocidade: en 2024 baixamos a 7.456 habitantes, cando en 2007, último ano con crecemento, eramos 8.635. Mentres outros concellos próximos e con situacións xeográficas semellantes como Cabanas, Miño ou Ares son capaces de gañar poboación.
  2. A perda de poboación é un fenómeno multifactorial, mais consideramos que a dificultade de acceso á vivenda é un dos factores máis determinantes desta baixada.
  3. A regulación das VUT é necesaria, pero non é o único factor que presiona o mercado da vivenda habitual. O incremento das licenzas para negocios turísticos (hoteis, albergues, apartahoteis, etc.) tamén contribúe a esa presión. Cómpre engadir tamén o impacto das segundas vivendas de uso vacacional, que deben ser tidas en conta para comprender a dimensión real do problema.
  4. No que respecta ao casco histórico, a ausencia de rehabilitacións destinadas a vivenda habitual é alarmante. Case todas as actuacións dos últimos anos orientáronse á creación de establecementos turísticos.
  5. A falta dun PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior), dun ARI (Área de Rehabilitación Integral), así como a non adhesión ao Plan Rexurbe da Xunta, repercuten negativamente na situación do casco histórico, que corre o risco de se converter nun parque temático para turistas.
Por todo isto, consideramos que as medidas de regulación das actividades vinculadas ao turismo deben ser máis ambiciosas. A vivenda é un dereito, e as casas están para vivir, non para especular con elas.
Resulta especialmente grave escoitar as declaracións realizadas polo alcalde, Bernardo Fernández, na radio Cope o mesmo día que se anunciaba a regulación das VUT. Nesas declaracións, o alcalde amosábase satisfeito polo auxe das rehabilitacións no casco histórico para uso turístico o cal deixa entrever as intencións de continuar con este modelo.
 
De que serviría regular as VUT se, ao mesmo tempo, se promove un modelo turistificador do centro histórico, fomentando a rehabilitación para uso turístico en lugar de garantir vivenda para uso habitual?
Desde o BNG queremos instar ao señor alcalde e ao goberno local a traballar por facer de Pontedeume, e do seu casco histórico, un lugar habitable no día a día. Comezando por cumprir as súas promesas electorais, como a aprobación do PEPRI, e apostando pola construción dun novo parque de vivenda pública. Non deben dedicarse a promover un modelo turistificador baseado exclusivamente no Camiño de Santiago, que é un dos principais responsábeis da situación actual da vila e das enormes dificultades para acceder a unha vivenda digna.
 
Porque Pontedeume non pode permitirse converterse nun escaparate turístico sen veciñanza, sen vida e sen futuro.
 
A SITUACIÓN DA VIVENDA EN PONTEDEUME