Chamamos á cidadanía eumesa á rebelión cívica inspirándonos no espíritu de Riotorto
O BNG de Pontedeume ven de rexistrar no concello unha moción, solicitando que o concello de Pontedeume siga o exemplo dos concellos gobernados polo BNG como Riotorto, Ribadeo, Allariz, San Sadurniño, Monforte etc.., que se fixeron insubmisos á pretensión do Estado Español de estabelecer un novo copagamento para medicamentos que se dispensan a través das farmacias hospitalarias a persoas doentes crónicas non hospitalizadas, pasando estes concellos do BNG a asumir estes gastos, e que o concello demande á Xunta de Galiza que non aplique esta resulución do estado no noso país.
Compre lembrar que o pasado mes de setembro o goberno do Estado estabeleceu unha modificación nas condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do sistema estatal de Saúde para que as persoas doentes crónicas non hospitalizadas teñan que achegar unha cantidade para sufragar o gasto das medicinas.
Con esta resolución, o goberno do Estado fixa un novo copagamento para os medicamentos e supón un novo imposto á enfermidade. Desde o 1 de outubro, 42 medicamentos de dispensación hospitalaria a persoas doentes crónicas con doenzas graves, deixarán de ser dispensadas sen custo, polo que haberá que pagar o 10% deste até o límite de 4,20 euros, agás aquelas que estiveren exentas.
Son fármacos para o tratamento de enfermidades graves: cancro, tumores, leucemia, hepatite C, artrite reumatoide, dexeneración muscular
Estamos a falar de persoas pacientes na maioría dos casos polimedicadas para as cales este novo repago, este novo imposto á enfermidade, supón unha carga moi importante na súa economía, persoas que xa non son quen de chegar a fin de mes e outras que xa nin comezan o mes. Esta medida vai significar o sacrificio e sufrimento para moitas persoas. É indigna, inhumana, inxusta, e retrata un goberno que actúa contra a xente a prol das grandes fortunas e do poder económico. Velaquí un novo roubo que forma parte dunha estratexia deseñada para facer caixa a costa das persoas máis desfavorecidas, das persoas que adquiriron preferentes e subordinadas, das emigrantes retornadas, pensionistas, funcionarias, da clase traballadora, para seguir engordando a banca e o poder.