COMUNICADO
O BNG acolle con cautela os 400.000 € para o marisqueo e esixe que non se deixe atrás o sector de flote
Ante o anuncio da Xunta de destinar 400.000 € para recuperar os bancos marisqueiros en Pontedeume, desde o BNG acollemos o investimento como unha boa noticia pero con moita cautela.
15 xul. 2026 - 22:27
Esta partida dá resposta a unha demanda da Confraría e do propio BNG, que levamos ao Parlamento Galego este mesmo mes de maio:
Porén, denunciamos a discriminación que sofren as e os mariscadores de flote, que quedan excluídos destas axudas e atópanse sen poder traballar e sen ningún tipo de apoio.
Por outra banda, respecto ás acusacións verquidas onte polo PP de Pontedeume, cómpre restablecer a verdade dos feitos. A moción do pleno de abril foi presentada polo PSOE, e foi este partido, como propoñente, quen non aceitou a emenda do PP, polo que o BNG non tivo nada que ver nesa decisión. Ademais, resulta ridículo que o PP poña agora o grito no ceo cando os seus propios concelleiros no pleno votaron a favor de dita moción sen a emenda.
Debe ser que ao PP lle molesta que o deputado do BNG no Congreso fose quen de conseguir, tras negociar co Goberno do Estado, a exención de cotas para as mariscadoras.
Mentres o BNG arrinca acordos que benefician directamente á nosa xente, os deputados do PP en Madrid só se dedican a torpedear os avances para as traballadoras e traballadores de Galiza.
Desde o BNG de Pontedeume seguiremos traballando con rigor e ao servizo do sector do marisqueo da vila para que as axudas cheguen a todo o sector sen exclusións e para que o saneamento e a recuperación da nosa ría sexan, por fin, completos e reais.