Asemblea aberta o domingo 21 ás 12 h no Centro de Maiores de Pontedeume. Construíndo Futuro.
Convidamos á cidadanía eumesa á asemblea aberta que o BNG de Pontedeume celebrará o vindeiro domingo día 21 ás 12 h no Centro de Maiores.
Como moi ben sabes O BNG puxo en marcha publicamente, xunto con persoas vinculadas a diferentes movementos sociais, veciñais, culturais e do tecido asociativo de base, un proceso de debate e contraste social, que se vai desenvolver localidade a localidade como espazo de diálogo e participación aberto a partir do cal contrastarmos e definirmos, con persoas e colectivos sociais e de forma aberta e asemblearia, os elementos ou eixos que entendemos chaves para construír candidaturas que puideren dar resposta ás necesidades de mudanza política, en chave social e transformadora, en cada concello. Neste caso en Pontedeume.
1) No BNG de Pontedeume somos favorábeis á creación dunha candidatura de ampla base social, que vaia alén da nosa propia organización e resulte aglutinadora do máximo número de axentes sociais e persoais do noso concello dispostos, a dar forma a unha proposta municipal transformadora e de base popular. A partir das conclusións que vaian xurdindo de cada asemblea aberta, valoraremos os escenarios e as posibilidades para a articulación práctica desta candidatura.
En calquera caso, a conformación da candidatura non debe facerse a partir de abstraccións ou retóricas baleiras, senón desde a honestidade do recoñecemento das diferentes posicións e a procura do acordo nos contidos. Para o BNG eses contidos, e máis aínda no contexto político aberto, son a defensa dos dereitos nacionais e sociais e o principio de autoorganización, é dicir, a construción da unidade arredor do desenvolvemento de políticas confrontadas co actual marco do Estado español e da UE, o recoñecemento do dereito a decidir para o pobo galego e unha práctica coherente neste sentido en organizacións galegas e soberanas, isto é, non dependentes de centros de decisión de fóra de Galiza. Isto é así porque o contraste coa realidade indica que moitos dos problemas que padecemos, tamén no ámbito municipal, están directamente ligados á falta de capacidade de decidir, en diferentes niveis. Na nosa comarca e no noso concello temos claros exemplos co que acontece con o sector naval, enerxético, pesca, comercio etc
2) Os problemas de Galiza non se resolven no esquema simplificado dereita-esquerda, senón poñendo fin á dependencia económica e á subordinación política do noso país. Para alén da cuestión identitaria, existe unha fonda problemática material, que se vincula ás "cousas de comer" e de desenvolver unha vida digna: á creación de emprego, ao modelo enerxético ou produtivo, á fin da emigración xuvenil, á ordenación do territorio e o despoboamento rural, aos servizos sociais, ao financiamento, aos servizos públicos... Tamén, no ámbito lingüístico, a aposta do BNG pasa inequivocamente por defender o idioma galego, lingua d@s de abaixo, d@s oprimid@s, dos historicamente excluíd@s.
Precisamos políticas coherentes confrontadas ás políticas neoliberais e centralistas que hoxe agravan a situación social que vivimos, mais precisamos tamén romper a dependencia e gañar capacidade de decisión real para decidirmos sobre todo aquilo que nos afecta en función dos nosos intereses. O pobo galego precisa poder decidir sobre os seus recursos e poñelos ao servizo do desenvolvemento económico e social da nosa sociedade. Non pode haber políticas verdadeiramente
transformadoras, populares ou de esquerda na Galiza se obvian ou negan esta cuestión.
3) Tamén no plano municipal é fundamental a perspectiva nacional para comprender e dar solución aos problemas que hoxe padecemos. Os concellos galegos padecemos problemas diferentes aos do resto do Estado: a forma que temos de habitar o territorio -dispersión poboacional-, o avellentamento ou as rendas baixas, de miseria, son só algúns exemplos. O caso máis evidente é o intento perpetrado dende Madrid, dende o Goberno español, de afogar as posibilidades económicas dos concellos galegos, someténdoos a unhas normas económicas que fan inviábel que decidan os grupos de goberno en que queren investir, dando prioridade a cuestións sociais, como o BNG leva facendo nos concellos onde goberna a pesar duns marcos que o dificultan e que queren reducir alcaldes/esas e concelleiras/os a simples xestores sen capacidade de decisión real. Poñemos outros exemplos: a reforma local e a reforma dos partidos xudiciais. A reforma local promovida polo Partido Popular, dende Madrid, ten unha dupla finalidade. Por unha parte, favorece un proceso de privatización de servizos sociais, ao tempo que pretende facer unha reordenación territorial que favoreza a recentralización coas deputacións como institucións opostas a unha visión de Galiza como nación, e a destrución do tecido local. Por outra parte, a reforma dos partidos xudiciais procura o mesmo efecto volvendo á estrutura provincial, ameazando a existencia de servizos na proximidade do pobo e aniquilando as competencias autonómicas de autoorganización institucional e territorial. Ao longo de toda esta lexislatura, de forte recentralización competencial, o nacionalismo loitou contra estas medidas que afectaban directamente os concellos, con posicionamentos políticos que poñen de manifesto que as alternativas teñen que pensarse desde a conciencia e a dignidade de país.
Por todo o anteriormente mencionado é polo que nos gustaría contar coa túa presenza e participación nesta asemblea aberta así como animarte a convidaren a coñecidos, amizades e familiares que achen que outro Pontedeume é posíbel e máis necesario que nunca.
Saúdos
Xurxo Allegue Freire
Responsábel local BNG Pontedeume