Moción do BNG de Pontedeume para que os empregados públicos non perdan poder adquisitivo.

Moción do BNG de Pontedeume para que os empregados públicos non perdan poder adquisitivo.

As decisións adoptadas polo Goberno central en materia de política económica están a provocar un agravamento da crise económica. A obsesión por dar unha prioridade absoluta á contención do gasto público, seguindo sen matices os ditados emanados polo FMI, o BCE ou a UE, cada vez máis pregados aos intereses do capital financeiro transnacional, ocasionan tanto unha continua perda de empregos como un empeoramento das condicións de vida das persoas que manteñen o seu emprego.

A única política definida é a de aplicar continuos recortes en dereitos económicos e sociais conquistados en favor das maiorías sociais. Esa teima amosa como este Goberno está a empregar a crise máis como un pretexto para avanzar no modelo de sociedade cada vez máis desigual que abandeira a doutrina neoliberal, cunha maior desprotección para as persoas máis desfavorecidas, e ao tempo cun reforzamento de privilexios para minoritarias elites sociais. O propio Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU vén de afirmar, respecto do Estado español, que “as medidas de austeridade están prexudicando de forma desproporcionada os grupos desfavorecidos”, asegurando ademais que os axustes están a destruír o estado do benestar e provocando un aumento considerable do número de persoas en risco de pobreza.

Unha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo que supoñen de atacar de novo dereitos consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado.

A nova redución retributiva ás empregadas e aos empregados públicos que se plasma no Real Decreto-Lei 20/2012 imponse dun xeito unilateral, malia que esa medida xa se ten ensaiado noutros momentos dentro de actuacións económicas contra a crise, e como resultado deu precisamente o contrario do que se perseguía.

No caso concreto de Pontedeume, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Tamén no ámbito local, agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico do noso concello.

Por iso, pídeselle do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

  1. 1.      Rexeitar a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local.

    1. 2.      Compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando á Alcaldía a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.