II asemblea aberta do BNG de Pontedeume con especial atención á participación cidadá.

II asemblea aberta do BNG de Pontedeume con especial atención á participación cidadá.

Pontedeume asamblea abierta del BNG /Nova asemblea aberta do BNG de Pontedeume con especial atención á participación cidadá e a rehabilitación do casco histórico.

Tamén se denunciou o favoritismo do PP nos cambios no PXOM e a necesidade de potenciar o noso concello

O BNG celebrou o pasado 12 de outubro a segunda asemblea aberta á cidadanía de Pontedeume e que contou cunha participación cualitativamente importante de veciños e veciñas, centrando as súas intervencións en asuntos de especial transcendencia como a participación cidadá e a rehabilitación do casco histórico.

Confirmouse que será unha asemblea aberta quen propoña a candidatura e o programa, e que estas asembleas van fiscalizar a actividade institucional no concello.

A participación cidadá foi un dos eixos desta segunda asemblea para facer partícipe á xente nas tomas de decisión municipais, tal como está a acontecer no concello de San Sadurniño, gobernado polo BNG. Información dos acordos de xunta de goberno e plenos, concursos públicos, orzamentos participativos e activación da páxina web municipal con estes contidos.

As críticas e denuncias contra o PP pola escura tramitación e cambios no PXOM para favorecer intereses particulares, deu paso a expoñer a necesidade de poñer en valor o Casco Histórico para a promoción do comercio, a hostalería ou o turismo. Destacouse a importancia de priorizar os recursos do Plan Especial de Rehabilitación do casco histórico (PREPI) para asentar xente moza e dar facilidades á rehabilitación coa posta en marcha dunha oficina específica que facilite convenios ou acordos coas persoas propietarias a cambio de alugueres sociais para a xuventude, entre outros beneficios. Ademais de incluír a rehabilitación do Mercado que tantas veces leva reivindicado o BNG a través da súa representación no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados, fronte a negativa do PP nos gobernos da Xunta e do Estado.

A falta de depuración integral da ría, a mellora e saneamento do litoral en Ber e a inacción da xunta reitora do parque natural das Fragas do Eume, foron cuestións demandas pola asemblea, xunto a necesidade de contar cunha programación municipal cultural e deportiva durante todo o ano e potenciar o Feirón. Tamén se censurou as poucas prazas previstas para a gardaría proxectada e demandouse a creación dunha bolsa municipal de traballo para persoas desempregadas.

A próxima asemblea aberta á cidadanía de Pontedeume vaise celebrar o sábado 25 de outubro, no Centro de Maiores.