Defendemos un servizo público de Salvamento Marítimo da Xunta e seguros por mal tempo.

Defendemos un servizo público de Salvamento Marítimo da Xunta e seguros por mal tempo.

O sector pesqueiro galego é o que padece a maior taxa de sinistralidade de todo o Estado español. Aínda que representa, en canto á súa dimensión, apenas o 50% do conxunto do Estado, sofre porén o 80% de sinistralidade mortal por razón de afogamento ou hipotermia. É este o contexto no que se está a producir un proceso de irresponsable degradación, privatización e precarización do servizo de salvamento marítimo que opera na Galicia, e que xa ten provocado consecuencias irreparables.

Así, a traxedia de Mercedes Veiga Mosteiro, percebeira de Oia que perdía a súa vida o pasado 12 de decembro de 2012, mentres desenvolvía o seu traballo, puña en evidencia o retraso na actuación do helicóptero "Pesca I" (adscrito ao Servizo de Gardacostas de Galiza, do Goberno galego, con base en Vigo), vulnerando o establecido no contrato que vincula á Xunta de Galiza coa empresa INAER Helicópteros Off Shore, S.A.U., en relación cos tempos de resposta. O resultado final foi o xa coñecido. Previamente, o 14 de novembro, o helicóptero "Pesca II" (este último con base en Celeiro), sufría un intolerable retraso que impediu o rescate, fronte ás costas de Burela, do mariñeiro Francisco Berrocal, tripulante do pesqueiro "Regino Jesús". Aínda que foi outro helicóptero, dende A Coruña, o que chegou ao lugar do sinistro, non foi posible salvar a vida deste traballador do mar.

Lamentablemente, en moi curto espazo de tempo, son varias as decisións do Goberno galego que viñeron a degradar, aínda en maior medida, os niveis de seguranza marítima existentes no litoral galego. Algúns exemplos:

  • Agora cóbrase (Decreto 130/2012) polas actuacións de salvamento marítimo que realicen helicópteros, embarcacións, vehículos e persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia. O salvamento e vidas humanas no mar pasa así a se converter nun mero negocio. Establécense tarifas de cobro para os buques pesqueiros que precisen de asistencia, aínda en risco de afundimento.
  • Eliminación do "Seguro Colectivo de Accidentes no Mar", con cobertura automática a todas e todos os profesionais do mar (tripulantes –galegos, galegas ou de calquera nacionalidade embarcados en buques galegos-, persoal de bateas, percebeiras e percebeiros, mergulladores, mergulladoras, mariscadores a flote, mariscadoras a pé, membros da Cruz Vermella do Mar, etc.) que sufriran algún percance ou mesmo a morte.
  • Venda á empresa privada INAER dos helicópteros de salvamento marítimo "Pesca I" e "Pesca II", de titularidade pública galega e recente adquisición, por un prezo que duplica o da súa venda. Sistemáticos retrasos -ademais dos xa indicados- sen que conste ningunha penalización á empresa adxudicataria, en numerosos operativos de salvamento marítimo.
  • Matriculación nas Illas Canarias (2º Rexistro) dos dous buques maiores do Servizo de Gardacostas de Galicia: o "Sebastián Ocampo" e o "Irmáns García Nodal" (tamén de titularidade pública, mais xestionados pola empresa privada REMOLCANOSA) a fin de acceder a avantaxes fiscais e posibilitar a degradación e desregularización das súas tripulacións.
  • Eliminación no ano 2012, por vez primeira, do buque de apoio e asistencia sanitaria á flota pesqueira que acude á campaña do bonito no Océano Atlántico (por certo, non no caso da campaña do atún no Mar Mediterráneo).
  • Supresión do "Seguro de mal tempo", de carácter voluntario, que evitaba perdas económicas por non saír ao mar de se produciren determinadas condicións económicas que dificultaran o exercicio da actividade pesqueira, marisqueira ou percebeira.

Esta situación reviste unha extraordinaria gravidade. Estamos a falar de vidas humanas, e estas decisións incrementan os índices de risco até uns niveis absolutamente intolerables. Lamentablemente non é posible devolver as vidas perdidas, mais si que estas traxedias sirvan para, ademais de deitar luz sobre o acontecido e depurar as responsabilidades que se deriven destes feitos, adoptar as medidas correctoras que eviten no futuro a reprodución de feitos desta natureza. Non se trata de aforro, senón de privatización e de obtención de beneficios económicos por parte de empresa privadas. O salvamento dunha vida humana debe ter a consideración de servizo público gratuíto, nunca de negocio empresarial.

Por todo isto, e en defensa dos intereses da xente do noso Concello que traballa no mar, o Grupo Municipal do BNG de Pontedeume solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO

 1.  -Instar á Xunta de Galicia a:

a)         Derogar o Decreto 130/2012, do 31 de maio, para estabelecer, daquela, o carácter gratuíto e universal das operacións de salvamento marítimo que realicen unidades do Servizo de Gardacostas de Galicia.

b)         Rescatar a venda dos helicópteros de salvamento marítimo "Pesca I" e "Pesca II", devolvéndoos á súa titularidade pública galega, e garantindo o cumprimento dos tempos de resposta establecidos (máximo de dez minutos) as 24 horas dos 365 días do ano, a través do sistema de gardas presenciais na base, coas tripulacións precisas para o cumprimento deste cometido legal.

c)         Recuperar o "Seguro Colectivo de Accidentes no Mar" e o "Seguro do mal tempo".

d)         Garantir o envío dun buque de apoio loxístico e asistencia sanitaria á flota pesqueira que se desprazará á vindeira campaña do bonito do 2013.

2.- Trasladar o presente acordo ao Parlamento de Galicia, grupos parlamentares e ás entidades do sector pesqueiro no noso concello.

Asemade, O BNG de Pontedeume recollerá sinaturas das e dos traballador@s do mar no noso concello, para seren entregadas na Xunta de Galiza demandando o anteriormente exposto.

Defendemos un servizo público de Salvamento Marítimo da Xunta e seguros por mal tempo.