O BNG de pontedeume pide o apoio do concello a frota do cerco e de artes menores.

O BNG de pontedeume pide o apoio do concello a frota do cerco e de artes menores.

Puerto de Pontedeume - Flota Amarrada /O BNG de Pontedeume presentou unha moción solicitando o apoio deste concello a frota do cerco e de artes menores que reclaman un reparto xusto das cotas da xarda e do xurelo. Reclamar o cambio profundo da Política Común de Pesca da UE, e a derrogación do Principio de Estabilidade Relativa, que consagra a discriminación estrutural da frota pesqueira galega. Reivindicar o exercicio pleno das competencias galegas sobre as nosas augas, eliminando as cotas de pesca fixadas desde Bruxelas no noso propio litoral. E Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, ao presidente do Goberno español, aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza e do Congreso dos Deputados, e deputadas e deputados galegos no Parlamento europeo

Máis unha vez, a Unión Europea, a través do Consello de Ministros de Pesca -sempre co entusiasta voto favorablel do Goberno español e a conivencia da Xunta de Galicia- volvía fixar uns Topes Autorizados de Captura (TAC) claramente discriminatorios para a frota pesqueira galega. Esta decisión, non fundamentada cientificamente, pretende primar os intereses económicos e comerciais doutros estados fronte ás necesidades do sector pesqueiro galego, claramente prexudicado en todo este proceso. Trátase de regras de xogo da UE incompatíbeis coa existencia e o futuro do noso país en materia pesqueira.

O problema non é que non haxa peixe no noso litoral: haino, e ben abundante. O conflito xorde cando se lles impide pescar aos galegos e si se lles permite a outras frotas. É, en definitiva, un problema político, que precisa de solucións políticas.

Nese contexto, en decembro do ano 2013, os representantes da Xunta de Galiza xunto cos representantes do sector pesqueiro galego negociaban en Madrid o reparto de cotas no Cantábrico noroeste; entre elas, estaban especies estratéxicas para a frota do cerco  e de artes menores como a xarda e o xurelo.

No reparto que estabelece a UE do TAC da xarda, correspóndenlle ao Estado español 29.019 toneladas para o 2014, das cales hai que descontarlle unhas 7.000 toneladas que é a sanción que esta lle impón a toda a frota por se exceder nas capturas asignadas nos anos 2009 e 2010.

No caso do xurelo correspondeulle ao Estado español un total de 16.592 toneladas, o que supón un 26% menos das que se recibiron o ano pasado de 22.409 toneladas (“marabillosa negociación”, por certo, para o Goberno galego e o ministro Arias Cañete, pois -afirmaban- é mellor reducir un 26% que un 40%), mentres que aos vascos se lles manteñen as capturas na zona Ciem VIIIb (Golfo de Bizkaia) e son compensados coa subida do verdel (estornino ou xarda veteada), un 30%, saíndo, máis unha vez, claramente beneficiados.

Na negociación do reparto por parte do Estado español xulgábase que a intención era eliminar o modelo dos últimos anos, que obrigaba a terse que desprazar a frota galega a Cantabria ou ao País Vasco se querían pescar algo, pois en poucos días, esgotábase a cota. Cómpre trocar este modelo discriminatorio por outro  máis acorde coa realidade galega, que lle permita á embarcación ter dereito a un total de capturas e poder pescalo cando e onde o considerar.

Con este reparto a frota galega, que ten 154 barcos de cerco, correspóndelle o 24,5% das cotas de xarda, mentres que a vasca, con 53 embarcacións, consegue un 50% do total das capturas. Este criterio de reparto realizouse interesadamente a partir das capturas históricas, computándose nestas as realizadas entre os anos 2002 e o 2011. Nestes anos a pesca en Galiza estivo regulada mediante topes, non así o doutras comunidades costeiras e coincidindo ademais cos anos onde houbo un exceso de capturas (2009 e 2010), con sanción da UE. Para alén disto, o modelo destes últimos anos xa viña prexudicando gravemente a frota galega, dado que o reparto era global e cando a xarda chegaba ás nosas augas, a cota estaba esgotada impedíndosenos pescala.

A maiores temos que lembrar que historicamente a frota vasca non pescaba esta especie. Comezou a pescala a raíz de se ter esgotado a pescaría do bocarte. No actual preacordo de reparto en función das últimas capturas históricas non se prima a quen tivo regulada as súa actividade, nin a quen pescou menos, nin a quen non se excedeu das capturas: prímase a quen se incorporou tardiamente a esta pescaría, a quen non a tivo regulada e, sobre todo, recoñéceselle como captura histórica a quen pescou de máis.

O Estado español é cúmplice, mentres o Goberno galego cala, admitindo uns criterios discriminatorios, ao igual que a Unión Europea, esquecéndose dos argumentos de boa xestión pesqueira, e permitindo  uns criterios máis políticos que sociais, abocando a frota galega á miseria.

Aceptadas á úlltima hora as cotas deste ano 2014 mediante un  pacto pechado en falso, a nosa frota necesita un apoio para solucionar definitivamente as xustas reclamacións para anos vindeiros.