Achegámosvos o resumo do pleno do mes de febreiro.

Achegámosvos o resumo do pleno do mes de febreiro.

Un pleno de gran importancia xa que foi o da aprobación POR FIN , logo de 6 anos de inoperancia do PP;  dos orzamentos  municipais.

Quérensenos vender de facelos con equilibrio orzamentario, mas isto só é o que di a lei que se debe facer polo que cremos que cumprir a normativa é obrigatorio e non hai porque presumir delo. Pensamos que son mellorábeis, que faltan cousas…

Em primeiro lugar queremos denunciar en canto as formas que son uns orzamentos que incumpren a normativa de uso da L.Galega xa que non están íntegramente en galego. Tamén cremos que foron presentados ás présas, con pouco tempo. Achamos que poderían levarse ao pleno do mes que vén e poder así ser estudados a fondo por toda a corporación municipal co fin de facer as enmendas e achegas precisas.

En segundo lugar en canto ao fondo: O orzamento do mercado municipal leva a maior parte do mesmo, descoidando así outros investimentos importantes e igualmente necesarios para Pontedeume. Tamén consideramos que a potenciación do Polígono do Vidreiro é algo anecdótico. Como o é o “proxecto piloto” de presupostos participativos.

Aínda así  non detectamos eivas moi significativas. E que están recollidas a meirande parte das nosas propostas e tendo en conta que levamos 6 anos sen orzamentos, preferimos apoiar estes ainda que consideramos que son moi, moi mellorábeis

Aprobouse, coa nosa abstención, a Ordenanza reguladora de tenza, defensa e protección dos animais de compañía e potencialmente perigosos. Ë un regulamento necesario e obrigatorio mais cremos que non está debidamente acompañado das medidas precisas. Se aos cans se lles restrinxen espazos hai que indicar ou dotar doutros. Hai que instalar papeleiras específicas para excrementos….

Alén diso queremos destacar que se aprobou a Moción apresentada polo BNG-AA relativa  AO ESTUDO DE CONTRATOS ELÉCTRICOS  para que o Concello poida contratar a enerxía eléctrica a través de empresas ou cooperativas galegas de enerxías renovábeis co fin de que a nivel muninicipal apoiemos una transformación de modelo enerxético apostando por alternativas galegas.

 Tamén se aprobou a MOCIÓN DO  do  8 DE MARZO Para instar á Xunta á elaboración dun Plan galego de emprego feminino, con especial atención ás mulleres mozas e ás de máis de 45 anos e a creación dunha Renda de Inserción Laboral para mulleres desempregadas de máis de 50 anos, cunha vida laboral  igual ou superios a 30 anos de cotización e que estivesen esgotando ás súas prestacións.

Haberá, ademais, que instar ao goberno da Xunta a elaborar un Plan de corresponsabilidade que inclúa actuacións para facilitar a conciliación da vida persoal e familiar conforme á lexilación vixente.

Foi de especial importancia a  DECLARACIÓN INSTITUCIONAL, promovida polo BNG-AA, con motivo do 40 ANIVERSARIO DA PROCLAMACIÓN DA RASD( República árabe Saharaui Democrática).  E que a continuación resumimos:

O  Concello de Pontedeume manifesta o seguinte:

  1. Reafirma o seu recoñecemento ao lexítimo goberno da RASD  e manifesta, unha vez máis, o dereito  que legalmente asiste ao Pobo Saharaui para ter un Estado próprio, tal e como recoñece a ONU. Así mesmo pídelle ao Goberno de España que lle dea o estatus diplomático á Representación do Frente POLISARIO en España, único e lexítimo representante do Pobo Saharaui, recoñecido así pola ONU.2. Insta ao Goberno de España e á comunidade internacional a que promovan todas as iniciativas políticas que sexan necesarias para lograr unha solución xusta e definitiva,  conforme ás resolucións de Nacións Unidas.3. Insta ás autoridades marroquís a que cesen as persecucións contra os e as activistas saharauis de dereitos humanos, a que liberen aos presos políticos saharauis e esclarezan o destino de máis de 400 persoas saharauis desaparecidas.4. Insta ao Estado Español a que asuma a súa responsabilidade histórica e traballe activamente dentro da Unión Europea e aproveite a súa presenza en el Consello de Seguridade de Nacións Unidas para que a MINURSO vexa ampliado o seu mandato á vixilancia dos dereitos humanos no Sáhara Occidental.5. Agradece sinceramente a colaboración desinteresada e a xenerosidade dos cidadáns e as cidadás  que fan posibles proxectos de cooperación co Pobo Saharaui, tales como a Caravana pola Paz, Vacacións en Paz, etc.

Para finalizar, na quenda de ROGOS E PREGUNTAS  seguimos solicitando: A realización plenos municipais en horario de tarde de tal xeito que sexan mais participativos e que a gente que non se adica profesionalmente á política poida compatibilizar mellor a sua vida laboral con a asistencia a plenos etc...Alén diso voltamos solicitar  a disposición dun local para que os grupos da oposición poidan realizar o seu traballo así como receber á cidadanía que queira facer consultas etc.... Tamén solicitamos novemente publicidade do servizo de transporte metropolitano, limpeza em profundidade dos sumidoiros (para evitar asolagamantos), saneamento para o areal de Ver, colocación de recolledores de aceite usado, actualización da páxina web, coidado dos restos arqueolóxicos  da horta da casa da cultura, axilización do PEPRI e a rehabilitación do casco histórico, organización ou impulso de cursos de manipulación de produtos fitosanitarios, solución do conflito com VIAQUA para o pago dos recibos e o horario ao público,  control da tala de árbores,  e por último demandamos a xestión efectiva para que o comedor do CEIP “Couceiro Freijomil” pase a depender da Consellaría de Educación, así como a implantación do servizo de “madrugadores ou almorzos”no   mesmo centro.

Seguiremos insistindo e presionando ao goberno municipal até que sexan atendidas as nosas demandas que son tamén as demandas da maioria social eumesa.