Por un 8 de marzo no que se derroguen as leis contra as mulleres.

Por un 8 de marzo no que se derroguen as leis contra as mulleres.

Mulleres_thumbnailO BNG de Pontedeume quere que este 8 de marzo sexa o inicio da derrogación das leis contra as mulleres, e é por isto que presentamos esta moción.

O 8 de marzo non pode converterse nunha data de celebracións rituais e hipócritas, baleiras de contidos, en papeis mollados e fotos para a galería. O 8 de marzo, agora máis que nunca, é unha data en que tamén as institucións deben mostrar con clareza o seu compromiso co avance no recoñecemento dos dereitos das mulleres e de denuncia da involución que se está a producir en todos os ámbitos. É, pois, unha data importante para facer balance dos logros realizados polas mulleres para conseguiren a igualdade plena. A crise económica e os veloces cambios financeiros colleu as mulleres consolidando precariamente a súa entrada no mercado laboral. Ao mesmo tempo, estas mulleres loitaban polo recoñecemento nas institucións e proclamaban leis de igualdade, aínda que nunca esquecían que as tarefas do coidado seguían nas súas mans.

Os discursos neoliberais actuais necesitan inocular un valor patriarcal como é o da ficticia protección da maternidade. Os valores tradicionais da familia patriarcal están agochados nunha boa parte da sociedade e só cómpre sacalos a flote. A linguaxe do traballo escaso e a necesidade de que as mulleres continúen a facer as tarefas de coidado nun momento de recortes dos servizos públicos están presentes continuamente.

Esta incorporación das mulleres ao mercado laboral conseguiu, aínda que de forma precaria, unha autonomía persoal importante para estas. Non obstante, o traballo remunerado das mulleres tamén iluminou unha esfera opaca da vida, a referida ao coidado. O problema da conciliación da vida laboral e familiar entrou na axenda pública e só tivo unha abordaxe satisfactoria naqueles países que apostaron polos servizos públicos e a corresponsabilidade cos homes.

O goberno galego con Sr. Núñez Feijóo á cabeza decidiu eliminar a corresponsabilidade do seu ámbito de actuación, reducir os orzamentos en políticas de conciliación e adoptar medidas falsamente natalistas, como a aprobación da Lei de apoio á Familia e a Lei de apoio a muller embarazada.

Estas leis non avanzan no recoñecemento dos dereitos das mulleres nin no fomento da corresponsabilidade. Como tampouco o fixeron o Plan de apoio á muller embarazada 2012-2014 desenvolvido pola secretaria xeral de Igualdade ou o Plan de demografía de Galicia desenvolvido pola Consellaría de Traballo e Benestar.

De feito, como exemplo deste marco ideolóxico contrario aos dereitos das mulleres podemos sinalar a publicación da  Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade por parte da Secretaría xeral de Igualdade:

En primeiro lugar, sorprende que este tipo de publicacións procuren o seu espazo nunha Secretaría de Igualdade -que debería velar pola transversalidade de xénero.

En segundo lugar, omitir a paternidade é un claro nesgo ideolóxico do sexismo da normativa en materia de xestación que este goberno mantén, sostendo a idea de seren fillos e fillas as unha cuestión feminina.

En terceiro lugar, a guía recolle as entidades sen ánimo de lucro con programas de apoio as mulleres xestantes de Galicia. En concreto 16 programas dos cales 11 son xestionados por ordes relixiosas e/ou grupos contrarios ao dereito ao aborto entre os que destacan:

Congregación Hijas del Divino Cielo,

Congregación relixiosa Siervas de la Pasión-Hogar Santa Isabel,

Betanía de Jesús Nazareno,

HH.TT.FF. (Hermanas Terciarias Franciscanas) Rebaño de María,

Red Madre Pontevedra, Red Madre Ourense,

Red Madre Coruña, Caritas Diocesana ou

Asociación de Axuda á vida AYUVI (Ayúdame a Vivir).

Estas entidades contrarias aos dereitos en igualdade das mulleres foron e son potenciadas desde o goberno de Feijóo baixo o discurso de apoio á maternidade ao mesmo tempo que se fan máis restritivos os requisitos da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2013, que se intaura o repago dos comedores escolares, que se limita o horario das escolas infantís públicas, que se amortizan as prazas de matrona, que non se substitúen os/as pediatras e que se elimina a gratuidade dos libros de texto...

Como podemos comprobar tantos as leis antes enunciadas como os plans e accións que emanaron destas eran un adianto da ideoloxía que o PP plasmaría posteriormente no Anteproxecto de lei orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada que realmente o que fai é penalizar as mulleres que exerzan o seu dereito á interrupción voluntaria do embarazo.

Por iso, o grupo municipal do BNGpontedeume, solicita do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a

1.- Derrogar os seguintes textos lexislativos  por non dotaren de servizos nin recursos as mulleres que queren exercer o seu dereito á maternidade e por suporen un retroceso de décadas na igualdade:

-         Lei de apoio a muller embarazada.

-         Lei de apoio á familia e a convivencia de Galicia

 

2.- Mostrar o seu total rexeitamento co Anteproxecto de lei orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada e dar traslado deste ao Goberno do Estado esixindo a súa total retirada.