Pontedeume sen praias aptas para o baño
No últimos tempos os veciños e veciñas de Pontedeume comprobamos como, ano tras ano, cando chega a tempada estival, as principais praias do noso termo municipal non son aptas par o baño por teren augas contaminadas. Así sucede en Ver e nas praias da Ribeira de Centroña.
Cando hai xa máis de vinte anos que se construíu a EDAR da Macuca e cando xa case se completou a depuración das augas residuais das dúas marxes da Ría de Ares, isto resulta incomprensíbel e inadmisíbel. As responsabilidades da Xunta de Galiza e do goberno municipal de Pontedeume van máis alá de limitarse a colocar un anuncio que sempre indica AUGAS DE CALIDADE INSUFICIENTE para o baño; teñen que procurar a causa e poñerlle unha solución xa.
No caso da praia de Ver, onde existe un emisario vello e roto que verte as augas residuais na praia, é preciso acometer unha minidepuradora emprazada na zona ou un bombeo para a EDAR actual, obras que, a día de hoxe, non teñen visos de se realizaren.
No caso de Centroña, faise preciso rematar cos vertidos de residuais na zona, mellorando os bombeos e tamén mellorar o funcionamento da Estación Depuradora da Macuca. O BNG de Pontedeume levou este asunto a Pleno en numerosas ocasións e non cesará na súa política de esixir solucións a este problema.