O BNG de Pontedeume presenta unha moción para que a igrexa pague o IBI coma o resto dos eumeses.
En función dos acordos internacionais asinados entre o Estado español e Vaticano en 1976 e 1979, a Igrexa Católica conserva varios privilexios, impropios dun Estado que se declara aconfesional. Parte destes privilexios son de carácter económico, o que supón que a Igrexa Católica goce dun financiamento e condicións económicas excepcionais. Así, obtén financiamento directo mediante o IRPF e está exenta do pago de varios impostos. Entre eles, goza dunha exención no pagamento do IBI por todos os bens inmobles que posúe, tal e como contempla a letra c) do primeiro punto do artigo 62 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, unha exención que se estende tamén a outras asociacións confesionais non católicas.
Na situación actual de grave crise económica, cunhas consecuencias que están a repercutir en toda a poboación, que sofre recortes laborais, sociais e económicos, e que debe cumprir coas súas obrigas tributarias, resulta incomprensible que a Igrexa Católica teña o privilexio de non tributar aos concellos polo patrimonio, ao tempo que percibe financiamento directo e subvencións para a conservación e mantemento dos seus fondos patrimoniais. Nun informe de 2010, a Dirección Xeral do Catastro daba cifras do patrimonio estritamente relixioso da Igrexa católica en Galicia: 7.691 inmobles e un valor catastral de 426 millóns, cantidade que non repercute nos orzamentos municipais.
É necesario repartir con xustiza os custos e esforzos da crise, tamén no ámbito fiscal. Neste sentido, o BNG ten demandado en numerosas ocasións a necesidade de acometer unha reforma fiscal que acentúe o carácter progresivo do sistema, de xeito que se incremente a equidade e a xustiza do mesmo, ao tempo que permita incrementar os ingresos públicos, gravando con maior progresividade as rendas de capital ou os grandes beneficios empresariais, así como a creación dun imposto sobre as grandes fortunas.
Xusto o contrario do que realizaron os últimos gobernos do Estado, cuxa política fiscal é regresiva, e afecta a quen ten menos recursos. O Goberno do PSOE incrementou o IVE, mentres que unha das primeiras medidas do Goberno de Rajoy foi precisamente incrementar o IBI, nalgúns concellos ate o 10%, e o IRPF (Real Decreto Lei 20/2011) e agora nos ven outra subida do IVE, mentres que na Xunta de Galiza, Feijoo esqueceuse da súa promesa de rebaixar o IRPF.
O BNG vén reclamando dende fai tempo tanto a revisión dos Acordos coa Santa Sede como, nomeadamente, a supresión da exención do pago do IBI por parte da Igrexa. Son numerosas as iniciativas que o BNG vén levando a cabo neste sentido. A instancias do BNG, en marzo deste ano debateuse no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei que instaba ao goberno a revisar os acordos coa Santa Sede para adecualos ao carácter aconfesional do Estado Español. Esta iniciativa foi rexeitada cos votos en contra de PP e CiU. Tamén en marzo deste ano, día 22, o BNG rexistrou no Congreso unha proposición non de lei na que demanda á Igrexa Católica o pago do IBI polos bens inmóbeis que posúe, unha iniciativa que aínda non foi debatida.
É tempo de corrixir esta situación e de rematar con privilexios, aos que engadimos o exención, en Pontedeume, da recollida de lixo, do subministro de auga, do saneamento, de taxas... que resultan discriminatorios para a maioría da poboación que deben seguir a pagar os seus impostos e para persoas con menos recursos que sofre consecuencias graves polas políticas de recortes nos servizos públicos, por parte dos gobernos da Xunta de Galicia e do Estado.
O que ocorre no noso concello é significativo: non pago IBI, non doe e abandono, caso do Hospitalillo, parcela da igrexa de Centroña, antiga casa reitoral, horta...
Para o BNG é necesario derrogar o privilexio contemplado no Artigo IV do Acordo entre o Estado español e a Santa Sede sobre asuntos económicos, firmado na cidade do Vaticano o 3 de xaneiro de 1979 e unha vez que os bens inmóbeis están suxeitos ao IBI, poderase negociar e contemplar posibles exencións ou bonificacións, parciais ou totais, en base ás características ou funcións do ben inmóbel que sexa.
Por iso, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1.- Instar ao Goberno do Estado a revisar e modificar os acordos internacionais asinados coa Santa Sede en 1976 e 1979, para adecuarse ao carácter aconfesional do Estado español, e que supoñan a supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa Católica no Estado e nomeadamente permita a suxeición ao IBI do seu patrimonio.
2.- Mentres non se leve a cabo a revisión contemplada no primeiro punto, negociarase coa Igrexa católica unha compensación aos Concellos por estar exenta do pagamento do IBI.
3.- Instar ao Parlamento de Galicia e á Xunta de Galicia a que fagan propios os puntos anteriores, e xa que logo, insten ao Goberno do Estado a suprimir os privilexios dos que goza a Igrexa Católica e mentres non se leve a cabo, soliciten da Igrexa Católica unha compensación aos concellos galegos.
4.- Instar ao Goberno municipal a realizar un censo municipal dos inmóbeis pertencentes á Igrexa Católica e a outras confesións relixiosas.
Pontedeume, 13 de xuño de 2012