O BNG de Pontedeume en contra do decreto 125/2014 do 4 de setembro.
O pasado mes de setembro publicouse o Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. Este decreto se desenvolve hoxe día 20 de outubro e entende por venda directa a que se realiza na casa, en mercados e feiras e en tendas minoristas, que vendan directamente ao consumo final e establece unha serie de requisitos para poderen realizar esa venda.
Desde o BNG sempre defendemos que se prestixien os nosos productos primarios como de calidade e que cumpren coas garantías de salubridade.
Igualmente, como así ocorre no noso Concello cunha tradición ancestral na venda directa nas desaparecidas feiras e que actualmente dan vida ao Feirón semanal e Mercado Municipal, xulgamos que se debe facilitar desde os poderes públicos a súa comercialización en circuítos curtos e de proximidade para garantirlles o máximo beneficio aos e ás produtoras e que a actividade agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de produción de alimentos, de creación de emprego e de dinamización económica.
Sabemos que Galicia é un país minifundista coas súas características particulares, e os seus gobernantes para aplicar as normas e as leis deben adaptalas e non facer deste país unha copia doutros lugares.
En Pontedeume non somos alleos a estas medidas que trocan pouco a pouco, drasticamente, a vida, costumes e tradicións. Só hai que pedir que sexan modificadas con xeito e resolver o aspecto negativo deste decreto: ata hoxe este tipo de venda representa unha pequena axuda aos baixos ingresos das persoas do campo; non deixa de ser para estas unha actividade entretida; algo hai que atallar xa que polo minifundismo existente a xuventude emigra a vilas e cidades e a outros países; os produtos comercializados ata agora en feiras e mercados son máis ecolóxicos que os das grandes explotacións agropecuarias; as vendas sen intermediarios beneficia ao consumidor final.
Porén, este decreto, sen outras medidas que acompañen o desenvolvemento da venda de proximidade e o apoio aos e ás productores non vai ter ese efecto dinamizador. De feito, é evidente que non ten como obxectivo relanzar feiras e mercados nin serve para incorporar novas persoas a esta actividade. O articulado do decreto non garante a produción nin fomenta a dedicación de persoas a este tipo de actividade. Por iso, o BNG considera imprescindible desenvolver iniciativas que incidan no apoio á comercialización de proximidade (feiras, mercados periódicos de alimentos producidos no contorno tanto en cidades como vilas, degustacións, etc), ás de venda na propia explotación ou on-line, e que teñan como obxectivo a promoción deste tipo de comercialización agropecuaria.
Por todo isto, o Grupo Municipal do BNGpontedeume presentou unha moción no concello propondo adoptar os seguintes ACORDOS:
- 1. Solicitar do Goberno Galego que, en diálogo co sector, aprobe unha serie de actuacións específicas en diversos ámbitos para dinamizar a venda de proximidade, garantir as mellores condicións de traballo para as persoas produtoras e conseguir unha produción respectuosa co ambiente e a saúde. Entre estas cuestións están
1a.- Introducir alimentos producidos nas explotación galegas nos menús dos centros públicos (escolares, hospitais, etc),
1b.- Facilitar base territorial ás persoas que a demandaren para a produción de alimentos
1c.- Establecer medidas de cotas á seguridade social reducidas e adaptadas a este tipo de actividade produtiva, e o mesmo en relación coa súa fiscalidade, Cómpre tamén establecer liñas de axuda para que a introdución de elementos de identificación e a introdución de guías de boas prácticas non sexa un gasto engadido ás producións.
- 2. Solicitar do Goberno Galego que impulse unha marca de calidade que ampare e identifique os produtos da horta galega, que acadaren os requirimentos de calidade definidos en consenso co sector.
- 3. Solicitar do Goberno galego que se abra un diálogo constante co sector coa participación de sindicatos, organizacións agrarias, cooperativas e asociacións de produtores/as, produción ecolóxica, para impulsar medidas que partan do consenso e que realmente dinamicen un sector vital para a economía galega.