O BNG apresentou unha moción sobre a reindivicación do 25 de novembro.

Contra a violencia machista
Contra a violencia machista
O BNG apresentou unha moción sobre a reindivicación do 25 de novembro.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, ao abeiro do Regulamento orgánico municipal, presentou a seguinte proposición, para o seu debate en Pleno, sobre a reivindicación do 25 de novembro e a necesidade de meirandes recursos no ámbito local e xudicial para loitar contra a violencia machista. onde solicitaba:

  1. Expresar o recoñecemento da Corporación ás históricas mobilizacións desenvolvidas polo feminismo galego ao longo de 2018 así como o apoio ás mobilizacións que impulsen as organizacións feministas galegas.
  2. Expresar a nosa vontade de sumar desde a administración local a prol da erradicación da violencia machista, para o que se solicita da Xunta de Galiza que demande do goberno central o incremento substancial das contías destinadas á administración local nos Orzamentos do Estado de 2019, así como a reformulación dos criterios de reparto para que se teñan en conta as especificidades do noso país
  3. Demandar da Xunta de Galiza a creación dunha Unidade de Violencia Machista específica integrada na Dirección Xeral de Xustiza encargada de facer cumprir a lexislación en materia de violencia machista. Dita unidade contará, como mínimo, cos seguintes obxectivos a desenvolver:
    • Impulsar xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades e avanzar nunha comarcalización dos xulgados acorde coa realidade do noso país e que garanta a igualdade do dereito de atención independentemente do lugar de residencia. Promover o tratamento dos delitos sexuais neste tipo de xulgados especializados.
    • Promover medidas destinadas ao tratamento integral da violencia sexual como unha forma de violencia machista, conforme recolle a lei galega, prestando atención ás súas especificidades.
    • Garantir a formación en violencia de xénero de todo o persoal que intervén no proceso xudicial,  incluídos equipos forenses e psicosociais.
    • Evitar a violencia institucional, por exemplo, gravando as declaracións das mulleres para que non teñan que repetila, unha e outra vez, ao longo de todo o proceso de denuncia.
    • Garantir os espazos separados de declaración e agarda para evitar o contacto de vítimas e agresores así como dotar dos medios necesarios as oficinas de atención á vítima.
    • Incluír nas avaliacións de risco  avaliación do agresor para mellorar a eficacia á hora de adoptar as medidas de protección tanto das mulleres como das e dos menores.
    • Dotar os servizos de garda dos xulgados de persoal especializado para atender as denuncias de violencia machista.

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS       

O 2018 ten sido un ano importante para o feminismo, que foi quen de mobilizar cun éxito histórico unha folga nos ámbitos laborais, de consumo e de coidados o pasado 8 de marzo. Sen dúbida algunha, unha data chamada a marcar un antes e un despois na nosa historia, xa que a sociedade esixiu que todos e todas pisemos o acelerador.

A vixencia da desigualdade, que ten a súa evidencia máis salvaxe nas violencias machistas contra as mulleres, debe comprometer ás institucións a destinar maiores recursos económicos, humanos e materiais para tal fin e situar o seu combate como un mandato de primeira orde os 365 días do ano. Só no que vai de 2018 foron asasinadas no noso país tres mulleres, unha situación insostíbel para calquera sociedade que se considere democrática, pois estamos a falar do máis elemental dos dereitos humanos, o dereito á vida, furtado pola violencia máis extrema do patriarcado.

Cada 25 de novembro debemos saír ás rúas para denunciar a vixencia da violencia e facer un recoñecemento do traballo de mobilización e visibilización das organizacións feministas do seu país, sen ese traballo moitas demandas non chegarían a unha parte importante das institucións e da sociedade para facernos avanzar.

Así mesmo, neste contexto debemos examinar aqueles ámbitos máis débiles que requiren da nosa actuación inmediata. Durante este 2018 evidenciáronse as moitas carencias que ten aínda unha xustiza tremendamente patriarcal. Casos como o da Manada desataron a nosa rabia e a contestación social, non só con importantes manifestacións no noso país, tamén coa repulsa de concellos e institucións de diversas cores políticas. Porén, a rabia non pode ficar nunha cuestión declarativa. Debemos pensar colectivamente nas melloras que precisa un ámbito tan elemental como o da xustiza.

Aínda sendo fundamental o papel que tiveron  a lei estatal de violencia do 2004 e a galega do 2007, a ninguén se lle escapa que quedan moitas lagoas no seu cumprimento e desenvolvemento. Un dos ámbitos máis delicados é o xudicial. Se ben este marco, o nacemento no ano 2005 de xulgados especializados e outros pasos teñen sido moi importantes na vida de moitas mulleres, tamén é certo que debemos atallar as súas deficiencias con maior dilixencia. É clave un desenvolvemento pleno e máis xusto do marco legal, para que este non se queden nunha mera declaración formal e se proceda a súa aplicación material. Nese sentido a creación dunha unidade específica de Violencia Machista no ámbito da Dirección xeral de xustiza encargada de facer cumprir as leis contra a violencia de xénero facilitaría unha maior fiscalización, seguimento e mellora. Vistos os casos que nos teñen escandalizado neste 2018 é obvio que cuestións tan elementais como a formación dos operadores xurídicos ou a habilitación de espazos seguros e íntimos para as vítimas son aínda incumpridos dunha forma que non é tolerábel.

Transformar a sociedade reducindo a fortaleza do patriarcado e superar todas as manifestacións de desigualdade e violencia que sofren as mulleres é unha tarefa complexa que require de todo o noso compromiso, tanto como institución municipal como á hora de sermos esixentes coas demais administracións implicadas.

Cada ano máis 5000 mulleres acudan aos xulgados galegos a poñer denuncias, e isto é só a punta do iceberg. Estímase que só  un 20% dos casos chega aos xulgados, polo que sería unha irresponsabilidade deitar exclusivamente neste ámbito as actuacións. Por iso, un dos aspectos máis importantes é avanzar na sensibilización social. Neste aspecto os concellos temos un papel clave, non exclusivo pero importantísimo, á hora de comunicar coa veciñanza.

Recentemente o goberno central publicaba no BOE do 3 de agosto o Real Decreto-lei 9/2018 de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste incluíra a recuperación dos concellos de competencias na materia, pasando a engadirse no seu haber a “Actuacións na promoción da igualdade entre homes e mulleres así como contra a violencia de xénero.”. Desde o BNG preocúpanos que esta tan anunciada e publicitada competencia non veña acompañada dun financiamento suficiente nin duns criterios de reparto adaptados á realidade do noso país.

 

 

 

  1.  
O BNG apresentou unha moción sobre a reindivicación do 25 de novembro.