Aprobadas as iniciativas do BNG-AA apresentadas no pleno ordinario de abril.

Aprobadas as iniciativas do BNG-AA apresentadas no pleno ordinario de abril.

Neste pleno, no que se estreaba como concelleiro do grupo municipal do BNG-AA Xurxo Allegue en sustitución de Antonio salvadores, a corporación municipal aprobou por unanimidade a moción apresentada pola nosa formación na que reclamamos que as institucións, quer Concello de Pontedeume, quer Xunta de Galiza, poñan as medidas necesarias para protexer e divulgar a rica fauna salvaxe que posúe o Esteiro do Eume.

E é que consideramos lamentáblel que un espazo  natural con dúas figuras de protección europea (LIC -Lugar de Interese Comunitario, e ZEPA -Zona de Especial Protección de Aves), como é o esteiro do Eume, non dispoña sequera duns paneis informativos e dunhas medidas mínimas (pasos de fauna, sinalización) para salvagardar a fauna salvaxe. É importante lembrar que o LIC-ZEPA Fragas do Eume chega xusto até a Ponte  de Pedra de Pontedeume, e que as administracións, quer a local ou a Xunta, teñen a obriga de protrexer os seus valores naturais.

Con a moción aprobada o concello de Pontedeume vai solicitar á Xunta de Galiza que xunto ao Ministerio de Fomento e Autoestradas do Atlántico acorden a habilitación de pasos de fauna, a instalación de sinalización para a salvagarda de dita fauna salvaxe en ámbalas dúas pontes. Alén de regular e restrinxir a circulación de embarcacións a motor polo esteiro, 

Tamén obriga ao Concello de Pontedeume á instalación de paneis informativos, no paseo marítimo, do valor ecolóxico en xeral do Esteiro do Eume e da súa fauna salvaxe.

A outra moción aprobada, coa esperada oposición do PP, foi a de rechazo a lei Wert, a LOMCE, por ser unha lei que atenta contra a educación pública e universal e de calidade, tamén atenta contra o laicismo, e é unha lei centralista que invade competencias transferidas en educación ás comunidades autónomas históricas como Galiza.

Alén diso, no apartado de rogos e preguntas, demandamos a reparación do muro que cada día cede máis do paseo marítimo, que se solucione o problema do lixo que se acumula nos soportais das lonxas de Raxoi. Demandamos tamén que o concello dea pasos para a adquisición do edificio dos sindicatos fronte ao xardín. Alén de que se fagan desde o concello as xestións pertinentes para evitar o feche da escola unitaria de Boebre, e que se cumpra a normativa de uso do galego por parte da institución municipal.

Tamén fixemos os seguintes rogos:

1.- HORARIOS DE TRENS E BUSES NA PÁXINA WEB.

SOLICITAMOS que o Concello informe na páxina de todos os horarios de parada que os trens e autobuses de liña teñen en Pontedeume.

 2.- BEIRARRÚA DE ACCESO AO APARCADOIRO NO IES FRAGA DO EUME.

Ante o evidente estado de deterioro da beirarrúa por non estar preparada para o paso de vehículos, as lousas están levantadas con risco de caída para os peóns.

ROGAMOS o seu arranxo inmediato para evitar estas posibles accidentes e que non vaia a máis.

 3.- PÁXINA WEB DO CONCELLO DE TODOS E PARA TODOS.

Lembramos as promesas electorais do equipo de goberno nº 109 e 110 e seguimos insistindo na actualización, xa van meses desta promesa en pleno, de información veraz á cidadanía: tarxeta azul de transporte, datos do goberno e dos concelleiro/as actuais, do PXOM, de ordenanzas...

SOLICITAMOS, logo de preto dun ano deste novo goberno, a actualización inmediata.

4.- REDE DE DISTRIBUCIÓN DE GAS.

ROGAMOS que as actuacións para as acometidas de gas se teña en conta que o acabado sexa acorde, como noutras localidades, coa consideración deste casco histórico protexido.

5.- PLENOS POLAS TARDES E LOCAL PARA ATENDER Á CIDADANÍA NA CASA DO CONCELLO.

SOLICITAMOS de novo a celebración racional dos plenos polas tardes, non se pode estar de 12 a 16 da tarde sen horas de xantar, e dun local compartido por todos os grupos municipais e non só para o do equipo de goberno.

6.- SUMIDOIROS DE RECOLLIDA DE AUGAS PLUVIAIS.

Insistimos de novo da necesaria, como xa vimos recomendando desde o mes de outubro, dunha limpeza e baleirado programado dos sumidoiros na súa totalidade.

7.- CASAS  RUINOSAS.

Recordando un rogo anterior dicíamos que en Pontedeume existen demasiadas casas en ruínas con risco de incendios, acumulación de lixo e bichería, algunhas desas teñen acceso para persoas, e que, ademais, leva a unha situación de insalubridade.

Por ser unha vila con atractivo turístico e dependencia económica de hostalería, de comercio e de servizos...

ROGAMOS do goberno que demande dos donos medidas de seguridade destes locais  para  seguridade  dos cidadáns.

8.- LIMPEZA E SALUBRIDADE DAS PAIAS.

 Tendo en conta a época do ano na que estamos na que xa é inminente o uso das praias e areais desta localidade. Tendo en conta os continuos problemas das augas habidos noutros anos.

Para rematar interesámonos polo local de ensaio e solicitamos que se amañase o camiño dos romeiros que sube a Breamo, xa que debido as talas efectuadas, hai eucaliptos derrubadas que cortan o paso. E lembramos que este oito de maio celébrase a romaria do San Miguel de Breamo.

 

Aprobadas as iniciativas do BNG-AA apresentadas no pleno ordinario de abril.