Resumo do pleno ordinario do mes de Xullo.
O mais salientábel do pleno do mes de xullo foi a aprobación por parte da corporación municipal da moción apresentada polo BNG-AA de Pontedeume de condena da ditadura franquista e reparación ás vítimas. Nela recóllese a obriga por parte do concello de expresar a súa condena do golpe de estado militar de 1936 e da Ditadura franquista, tamén de promover ao longo do ano 2016 o desenvolvemento dun programa de actividades en colaboración con entidades da memoria e concellos- arredor da memoria histórica, a represión e a resistencia contra o fascismo. Alén diso, obriga á organización dunha homenaxe pública aos cargos políticos e aos traballadores e traballadoras da institución que foron vítimas da represión franquista e a se adherir as que outras institucións leven a cabo. Para finalizar, obriga ao concello, á eliminación, supresión ou anulación dos acordos, distincións e símbolos que reflictan a adhesión e colaboración da institución coa ditadura.
Noutra orde de cousas, tratouse o convenio coa Xunta de Galiza para a mellora no saneamento no noso concello, que repercutirá na mellora do saneamento da Ría. Estes convenios con fondos case na sua totalidade europeus, veñen depois das iniciativas do BNG en Europa através da Eurodiputada Ana Miranda, que deran lugar á visita de parlamentarios europeus as nosas rías, e como consecuencia do cal, a emisión dun informe que lle daba un tirón de orellas as administracións españolas e galegas, como lembrou no pleno a nosa portavoz municipal na Veira.
Tamén encomendamos ao goberno municipal que comece a tramitación das axudas escolares do próximo ano sen mais demora, xa que as deste curso pasado ainda non as receberan as nais e pais, incumprindo así unha das promesas eleitorais con as que se apresentou o alcalde.
Outro tema en que insistimos foi na reclamación á alcaldía de que as instalacións deportivas do concello conten xa coas medidas necesarias no caso de posibles eventualidades médicas, dotándoas de desfibriladores, xa que nos orzamentos aprobados hai uns meses estaban recollidos investimentos para subsanar isto. Pregamos celeridade na adquisición de estas equipas, xa que é un tema con o que non se debe xogar.
Alén disto, esiximos da alcaldía firmeza e determinación coa empresa adxudicataria da obra da alameda, con continuos atrasos debido á pouca disponibilidade por parte da empresa de recursos humanos e auxiliares para a realización en prazo da mesma. Solicitándolle á alcaldia que procure a finalización dos traballos que fican para abrir ao público a alameda e á execución de sancións polo retraso na entrega por parte da empresa adxudicataria.
Para finalizar, solicitamos á alcaldía que cumpra con a moción aprobada e presentada polo BNG sobre as mediadas a tomar para a erradicación de especies invasoras como o carrizo da pampa. tamén reiteramos as nosas demandas de plenos pola tarde, cumprimento do regulamento de uso do galego por parte da institución, limpeza de sumidoiros de augas pluviais, estado do lavadoiro de esteiro...