Queremos que o 2016 sexa o ano das Irmandades da Fala.
Hai case cen anos, figuras históricas como a de Antón Vilar Ponte traballaban a prol da creación dunha organización que situase no primeiro termo a importancia do idioma galego. Así, o 18 de maio de 1916 nacía na Coruña a Irmandade dos Amigos da Fala, posteriormente coñecida para a historia como Irmandades da Fala. Co obxectivo da defensa, o cultivo e a promoción da lingua do noso país, ao nacemento da Irmandade da Coruña seguiron o doutras localidades onde homes e mulleres comprometidas traballaron pola dignificación da nosa identidade.
A aparición e difusión das Irmandades supuxo un avance para a cultura de noso, situando a nación galega como o suxeito fundamental da produción cultural da época. Promoveron a elaboración de gramáticas, dicionarios e estudos lingüísticos sobre a nosa fala, reivindicando tamén para ela aqueles espazos dos que tiña sido desterrada, desde a administración ao ensino.
No vindeiro 2016 cúmprense 100 anos dunha peza fundamental na configuración do que hoxe somos como pobo e cultura, por iso é fundamental garantir o compromiso das institucións públicas coa súa celebración, difundindo o coñecemento do seu legado histórico e apoiando a declaración oficial de 2016 como Ano das Irmandades da Fala.
Por estas razóns este Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Pontedeume somete a debate e aprobación polo pleno desta moción propoñendo a adopción do seguinte
ACORDO
1.- Consonte o acordo unánime do Parlamento de Galicia de 29 de abril de 2015, acórdase instar ao Goberno Galego a declarar 2016 "Ano das Irmandades da Fala", establecendo para iso un programa de actividades conducentes a divulgar a toda a sociedade galega o coñecemento do encomiable labor desta organización, animada polo propósito de traballar pola consecución dunha Galicia máis culta, libre, xusta e comprometida consigo mesma, e a dotar os fondos necesarios nos orzamentos da Xunta de 2016 para executar ese programa.
2.- Comprometemos ao Concello de Pontedeume a colaborar coa administración pública e coas asociacións, organizacións, colectivos e entidades da contorna para difundir a historia das Irmandades da Fala e a súa contribución ao traballo pola lingua e culturas galegas.