O BNG-AA registra unha moción de apoio as persoas refuxiadas.

O BNG-AA registra unha moción de apoio as persoas refuxiadas.

Estamos a vivir, xusto ás portas de Europa e no propio continente, unha crise humanitaria sen precedentes desde a II Guerra Mundial. A magnitude da traxedia debe impeler unha actuación urxente da Unión Europea e da comunidade internacional, para derrubar novos muros que deixen do lado de fóra a miseria e a dor provocada.

A dimensión que está a alcanzar a actual crise de persoas refuxiadas e emigrantes ten a súa orixe na rapina imperialista comandada polos Estados Unidos (EUA). Os EUA e os seus aliados europeos non dubidaron en levar a guerra, a morte, a destrución e a miseria a diversos países con tal de alcanzar os seus obxectivos xeoestratéxicos e espoliar os seus recursos naturais, particularmente o petróleo.

Primeiro foi o Afganistán, o Iraq, despois Libia, agora é Siria. Os EUA, co inestimable apoio de Israel e a colaboración de diversos estados europeos, organizaron, armaron e alentaron o terrorismo na Siria, incluído o chamado Estado Islámico, que agora sinalan como principal inimigo.

As vítimas desta deshumana política imperialista son as poboacións civís destes países. Non pode sorprender, por tanto, a vaga inmensa de persoas refuxiadas, fundamentalmente sirias, que escapan da guerra e de migrantes que foxen da miseria xerada.

Tampouco sorprende, infelizmente, a resposta da Europa capitalista. A grande preocupación desa Unión Europea ao servizo da oligarquía non é resolver o drama humano nin os problemas sociais, económicos ou políticos que están na súa xénese. A preocupación principal é blindarse para deixalos fóra. Agora, fronte á vaga de persoas refuxiadas, levántanse novos muros. Hungría vén de fechar con rolos de arame farpado 175 quilómetros da súa fronteira con Serbia para impedir a entrada de persoas refuxiadas e migrantes. No entanto, non será esta tipo de medidas as que freen o problema.

Un dos exemplos máis evidentes do desinterese inicial da UE por resolver esta dramática situación estivo, após de máis dunha semana de crise humanitaria, decidir o 30 de agosto convocar unha reunión de urxencia do Consello de Ministros de Interior para hoxe, 14 de setembro. Entre tanto, millares de persoas refuxiadas continúan a se agolpar en condicións penosas nas fronteiras ou achan a morte no Mediterráneo.

No entanto, este drama que parece deixar indiferentes aos gobernos europeos, atinxe directamente a conciencia dos pobos. A xente, institucións de todo tipo, o nacionalismo galego e o grupo municipal do BNG de Pontedeume, desde a súa consubstancial praxe internacionalista, sente como propio o drama humano, social e político que representa esta crise e por iso non podemos ficar indiferentes nin pasivos. O Bloque Nacionalista Galego esixe da Unión Europea mudar de forma radical e urxente as políticas de blindaxe por outras de axuda e acollida digna ás persoas refuxiadas e migrantes.

Consecuentemente, diante da traxedia que están a vivir as persoas refuxiadas e migrantes, solicitamos do pleno da corporación municipal a adopción do seguinte

 

ACORDO

1.- Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado que asuma as súas responsabilidades con urxencia na crise humanitaria que están vivindo as persoas refuxiadas e migrantes en Europa e na contorna do Mediterráneo e que promova, no marco das institucións europeas, un xiro nas políticas de asilo e de cooperación cos países empobrecidos.

 2.- Así mesmo, instar á Xunta de Galicia a que asuma as súas responsabilidades e participe facilitando os recursos e servizos necesarios para a acollida temporal de persoas refuxiadas en Galicia.

 3.- Iniciar contactos coa FEGAMP e organizacións non gobernamentais que están traballando sobre esta problemática en Galicia para impulsar a creación dunha rede galega de concellos de acollida, que permita recoller a iniciativa cidadá e darlle apoio e organización e ofrecer soporte técnico.

 4.- Impulsar no seo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o establecemento de liñas de traballo e de axudas en colaboración cos concellos para facilitar o acollemento de persoas refuxiadas.

 5.- Xestionar a mobilización e disposición de créditos orzamentarios para axudar as persoas refuxiadas ou migrantes presuntamente asentadas no noso concello.

 6.- Trasladar este acordo ao Presidente do goberno do Estado e da Xunta de Galicia.

 

Pontedeume, 10 de setembro de 2015

O BNG-AA registra unha moción de apoio as persoas refuxiadas.