Non queremos paripés de "plenos participativos"
Ana Veira García, como portavoz do grupo municipal do BNG-AA de Pontedeume, quixo facer unha reflexión ante a nova publicada na páxina web oficial do Concello de Pontedeume onde de convidaba a veciñanza a un "pleno participativo aberto"
NON SE PODE ENGANAR! Isto non é un pleno! Debemos considerar que un pleno, como o seu nome indica, debe estar composto por todos os seus integrantes: persoas e grupos municipais alí representados, froito da elección da cidadanía. Esta representación tería que estar convocada e teren validez oficial os acordos alí tomados. O PSOE non debe erixirse en únicos representantes dos eumeses/as. Se queren vender participación que o fagan, mais non é ético APROPIARSE da representación veciñal. .
Por outro lado resulta chamativa a hora de convocatoria: as 20.00 h.Dende o inicio desta lexislatura na que, unilateralmente e coa oposición do resto dos grupos municipais, o PSOE cambia os plenos oficiais para horario de mañá ás 12.00h ?en todos eles o BNG-AA reclama plenos en horario de tarde?, a participación cidadá é case inexistente, pois a media da asistencia non supera as dúas persoas. A isto haille que engadir que este horario supón trabas laborais tamén aos concelleiros/as. O grupo de goberno do PSOE nega sistematicamente estas reclamacións.
Agora convoca una parodia de pleno en horario de tarde. Habería que chamarlle reunión co alcalde, co grupo de goberno, co PSOE municipal Sería o correcto, non xogaría coas palabras, non utilizaría a demagoxia dun xeito tan claro. A cidadanía de Pontedeume ten que saber que esta convocatoria non é máis que unha reunión informal vendida con outra aparencia. Penso que hai que ser serios e non seguir formatos parecidos a programas da peor tv.
O BNG-AA está de acordo cos plenos participativos, mais os de verdade. Xa a principios da lexislatura pedimos a súa posta en funcionamento. Puxemos como exemplo os que se realizan no concello de San Sadurniño e fixémoslle chegar ao goberno o regulamento recollido no BOP, mais non houbo resposta.
Agardo que estas explicacións poidan chegar á veciñanza eumesa e evitarmos así que sexa vítima dunha información fraudulenta.
Ana Veira Portavoz do grupo municipal BNG-AA Pontedeume.