O PP de Pontedeume négase a apoiar aos nosos emigrantes retornados diante da Axencia Tributaria.
O Bloque Nacionalista Galego de Pontedeume defendeu sen éxito, debido á negativa deste goberno municipal do PP insensíbel aos problemas das maiorías sociais do noso pobo, a apoiar unha moción mediante a que pediamos que o concello se posicionase a favor dos veciños e ás veciñas beneficiarias de pensións percibidas no estranxeiro afectadas polas reclamacións da Axencia Española Tributaria e que se implicasen as diferentes administracións en prestar apoio e asesoramento as persoas afectadas.
O BNG con esta moción buscaba que se defenderan os intereses destas persoas, que son ameazadas pola Axencia Española Tributaria con posíbeis sancións, mentres aos auténticos defraudadores fiscais o Goberno español lles concede amnistías.
O BNG lembra que Galiza padeceu, e continúa padecendo, unha emigración brutal. Milleiros de galegos e galegas emigraron desde comezos do século XIX a moitos países para procurar un medio de vida. Hoxe, persoas mozas cunha alta cualificación, tamén se ven obrigadas a facer o mesmo que fixeron os seus avós e avoas para poderen ter un traballo.
Moitas das persoas emigrantes, xa de retorno na Galiza e en idade de xubilación, son beneficiarias de pensións que perciben de estados estranxeiros. Nos últimos meses este colectivo comezou a recibir requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro, coa finalidade de proceder á regularización ou no seu caso formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondente ao exercicio de 2008.
Antonio Salvadores, portavoz municipal do BNG de Pontedeume, sinalou o grave perxuizo que esta medida supón para os veciños e veciñas desta vila, que sometidos ao desmantelamento de todos os seus sectores produtivos moitas familias están a sobrevivir grazas ás pensións de xubilación dos seus membros e para os que está medida supón unha nova agresión ás maiorías sociais da vila e do Pais en xeral, nunha situación cada vez máis dramática.
Estes requirimentos, que tamén indican a obriga a realizar esta actualización en relación cos exercicios de 2009, 2010 e 2011, estanse producindo nos últimos tempos de forma masiva en toda Galiza afectando a milleiros de persoas pensionistas retornadas, e de forma moi intensa, tamén a veciños e veciñas do noso concello.
Para o BNG estamos ante unha decisión do estado totalmente inxusta, xa que a maioría das persoas que se atopan nesta situación descoñecían que tiveran que tributar por estes cartos e nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declarar as contías da súa pensión; é máis, persoas afectadas, que non albiscan ningunha sombra de dúbida sobre a veracidade das súas declaracións, afirman que tendo preguntado nas propias delegacións informóuselles, de palabra, de que non tiñan a obriga de tributar por estas pensións.
O BNG esixe ao Goberno Central a que dea unha solución a esta problemática que para o Bloque Nacionalista Galego pasa por revogar os expedientes xa iniciados e devolver o pagado, anular os expedientes sancionadores, que non se cobren os abusivos intereses de demora por parte da AEAT, que se anulen os expedientes sancionadores e que se modifique a lei para garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados coas persoas que non teñen traballado fóra, á hora de tributar.