Se non o evitamos Pontedeume ficará excluído das axudas da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar.

Se non o evitamos Pontedeume ficará excluído das axudas da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar.

Debido ao artigo 47 do Decreto 99/2012 de 16 de marzo aprobado polo goberno Feijoo, Pontedeume vai ficar excluído das necesarias axudas da Xunta de Galiza para o Servizo de Axuda no Fogar no noso Concello. É por isto que o noso grupo municipal ven de rexistrar unha moción que evite esta perda para as e os eumeses. A continuación explicamos en detalle as causas e os obxetivos en que se sustenta dita moción.

Nos últimos anos, a grave crise que estamos padecendo provocou un incremento importante de persoas que demandan e necesitan recorrer aos servizos sociais públicos para cubrir boa parte das súas necesidades máis básicas e fundamentais.

Paralelamente, mentres estes casos ían en aumento tanto na Xunta de Galicia como no Estado, amparándose nesta crise e na súa propia filosofía política, veñen aplicando un brutal recorte orzamentario no financiamento dos servizos sociais    (Lei de Dependencia, Servizo de Axuda no Fogar, Centros de Día, Escolas Infantís...),  que esta afectando a miles de familias galegas, onde están incluíndas as familias eumesas.

Un exemplo claro e grave desta política, témolo no Decreto 99/2012 de 16 de marzo, aprobado polo Consello da Xunta o ano pasado, que estabelece un novo modelo de financiamento para os servizos de benestar en Galicia e determina importantes modificacións co anterior modelo, o que está a supor na práctica, un trato claramente discriminatorio para os concellos con menor poboación, á par que avanza na privatización e o copago destes.

Así, o artigo 47 deste Decreto determina que fican excluídos de axudas públicas por parte da Xunta de Galiza o Servizo de Axuda no Fogar nos concellos de menos de 20.000 habitantes,  o persoal adscrito aos equipamentos sociais de titularidade municipal (centros de día ou escolas infantís ...) nas citadas entidades e as unidades de traballo social (persoal dos servizos socias, agás os traballadores e as traballadoras sociais) nos concellos de menos de 20.000 habitanteslembremos que Pontedeume ten menos de 9000 habitantes.

Esta decisión política do Goberno da Xunta de Galiza significa que 293 concellos foron excluídos da axuda do goberno galego para o servizo da axuda no fogar, o que provoca que arredor de 100.000 galegos e galegas vexan minorado o servizo que se lles viña prestando, favorecendo con iso a perda de emprego para boa parte das persoas que viñan traballando na prestación deste servizo público, básico e fundamental no medio rural.

A prestación deste servizo básico no medio rural, estase facendo neste momento con recursos moi reducidos mentres a Xunta de Galiza se desentende deste grave problema e das persoas que o padecen.

A situación é cada vez máis grave e o Goberno da Xunta de Galiza non pode seguir eludindo as súas responsabilidades, e moito menos descargándoas noutras institucións, á hora de dotar os concellos rurais dos recursos económicos e humanos necesarios para facer fronte a este grave problema social e asegurar a prestación acaída do servizo de axuda no fogar aos miles de familias galegas que o necesitan e o están demandando a diario. 

Por iso, o BNG considera que Pontedeume está dentro deses 293 concellos, e solicitamos do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte acordo:

    1. Exixir do Goberno da Xunta de Galiza a incorporación dunha partida orzamentaria nos Orzamentos para o ano 2014, similar en contía á recollida nos Orzamentos da Xunta do ano 2010, para asegurar a prestación do Servizo de Axuda no Fogar e o resto dos servizos sociais básicos en todos os concellos de menos de 20.000 habitantes.
    2. Dar traslado deste acordo ao presidente da Xunta e aos portavoces de todos os grupos políticos do Parlamento Galego.

     

     

     

Se non o evitamos Pontedeume ficará excluído das axudas da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar.