Emenda á moción do PP sobre a reforma do Réxime Local do goberno do Estado

Emenda á moción do PP sobre a reforma do Réxime Local do goberno do Estado

O Goberno central vén de anunciar unha reforma do réxime local, sen ter en conta nin a opinión das Comunidades Autónomas con competencias como é o caso de Galiza, nin tampouco dos axentes municipais a través  das asociacións representativas do municipalismo (FEGAMP e FEMP).

Baixo o pretexto da crise, pretende impor unilateralmente un modelo centralista local, que impida calquera posibilidade de adaptar á realidade galega o réxime local, alén de limitar a autonomía dos concellos á hora de xestionar os seus servizos para potenciar o papel das deputacións provinciais. Incluso, como actuación fronte á crise, trátase dunha proposta de reforma condenada ao fracaso, pois nin actúa sobre as causas reais que provocan a asfixia no financiamento dos concellos, nin tampouco garante unha suficiencia de fondos para atender as competencias municipais e as crecentes necesidades que as veciñas e os veciños demandan dos concellos.

O obxectivo que se persigue coa reforma é reforzar unha estrutura institucional caduca e sen utilidade, como son as deputacións provinciais, pois as súas funcións, de querer abordar unha reforma do mapa local con racionalidade, poderían ser asumidas polos concellos e pola Xunta de Galiza. A persistencia en manter e mesmo favorecer o modelo provincial, máis aínda cando existen restricións nos recursos económicos dos concellos para atender servizos e políticas sociais básicas, incide negativamente nunha xestión eficaz do diñeiro público, xa que obriga a manter estruturas burocráticas cuxa acción apenas repercute na veciñanza. Xa que logo, o realmente inaprazábel é suprimir as deputacións provinciais para que os concellos poidan dispor de máis fondos para atender directamente os servizos básicos que prestan, e tamén para que as políticas locais se coordinen a nivel galego a fin de garantir un acceso equitativo en todo o país.

Por outra banda, tamén se propón polo Goberno eliminar concelleiros e concelleiras, cando a súa incidencia no gasto público é ínfima tendo en conta que a maior parte dos cargos electos locais non perciben retribucións por adicación exclusiva. O que en realidade agocha esa proposta é unha tentativa de eliminación do pluralismo político, para reforzar no eido local un bipartidismo que está en crise, de impedir que forzas alternativas teñan voz e capacidade de decisión nos gobernos locais.

Tamén a desaparición das entidades locais menores, como é o caso das existentes en Galiza.

E por isto que o grupo municipal do BNG presenta a seguinte EMENDA DE SUBSTITUCIÓN ao acordo que se solicita

 

  1. 1.       Rexeitar a proposta contida no Anteproxecto de Lei de Racionalidade e Sostenibilidade da Administración Local no tocante á desaparición das Entidades Locais Menores, e por ende da de Camposancos.
  2. 2.       Rexeitar as medidas de Reforma da Lei de Bases de Réxime Local adoptada polo goberno do PP no Estado, en canto invaden as competencias propias de Galiza, non solucionan a falla de financiamento que sofren os concellos galegos e atacan a autonomía municipal dos concellos de menos de 20.000 habitantes –amplísima maioría dos concellos galegos – potenciando ás deputacións provinciais.
  3. 3.       Rexeitar a redución de número de concelleiros e concelleiras que se pretende por canto reduce o pluralismo político, a necesaria participación na xestión municipal e non significa aforro económico ningún por canto a inmensa maioría de concelleiras e concelleiros non perciben retribucións económicas.
  4. 4.       Demandar a supresión das deputacións provinciais pasando as súas funcións a concellos e Xunta de Galiza, que conlevará un importante aforro económico e unha eficiencia na xestión.

 

Emenda á moción do PP sobre a reforma do Réxime Local do goberno do Estado