Comentarios sobre o Pleno Municipal do 31 de xaneiro en Pontedeume.
Mes a mes e dende outubro o BNG de Pontedeume ven insistindo nun acordo entre o goberno eumés e o Comité de Empresa sobre as IT´s.
O BNG quere facer chegar á cidadanía de Pontedeume a incomprensible actitude do goberno do PP sobre a moción presentada polo BNG conxuntamente coa oposición:
No trámite de urxencia, as catro abstencións dos membr@s do PP e os dous votos en contra, do alcalde Gabriel Torrente e Eugenio Otero responsable de Recursos Humanos, impediron que a moción fose debatida, fose adiante e quedase aprobada a aplicación dos complementos por incapacidade temporal para os empregados públicos municipais dentro dos límites legais que marca o Real decreto-lei.
A insólita votación profundiza nun desacordo principiado polas dimisións das dúas concelleiras con grandes trabas para traballar nas súas respectivas concellarías e que formalizaron a dimisión neste mesmo pleno.
O diálogo cos traballadores racha coa chegada, ano 2007, dos gobernos do PP. E é a primeira vez que as relacións entre un goberno e plantilla municipal presenta un ambiente nada propicio para desenvolver as tarefas do día a día. O BNG de Pontedeume responsabiliza a Gabriel Torrente e Eugenio Otero da tirante situación que se vive coa totalidade dos traballadores. Errar é de humáns e rectificar de sabios.
Así mesmo, no primeiro rogo deste pleno o BNG protesta polo incomprensible retraso no cobro das nóminas do mes de xaneiro. Non hai nin máis motivos nin menos con respecto a outros meses para demorar o seu pagamento. Logo da supresión da paga extra e dos gastos que as festas de Nadal representan; esta Corporación, e máis en concreto este Goberno, coñece que os recibos mensuais de compras, alugueres, seguros, préstamos e hipotecas as entidades bancarias os cargan a 1º de mes, e de non ter saldo aparecen os números vermellos co correspondente recargo. Reiteradamente fáltalle sensibilidade coas economías dos empregado/as deste Concello e solicita de inmediato o prace á nómina de xaneiro e o compromiso de resolver calquera problema futuro.
O BNG tamén se interesa pola vídeovixiancia instalada en dependencias municipais xa que o Tribunal Constitucional nalgunhas sentenzas recomenda un sistema menos invasivo, proporcionalidade entre a finalidade perseguida e o modo na que se traten os datos, información sobre a captación e/ou gravación das imaxes á cidadanía, representación sindical, resto da corporación, publicación na páxina web... e nada disto cumple este carísimo sistema de control.
No mesmo pleno o BNG se preocupa da futura 2ª Escola Infantil, tan só pendentes da aprobación do PXOM e do risco que persiste, con avisos reiterados, desde anos atrás sobre o peche para o baño da praia de Ver polo vertido contaminante como constata Augas de Galicia nunha recente inspección a Pontedeume.
Do Mercado Municipal o BNG dubida das aportacións económicas supostamente comprometidas coas achegas do Estado, Xunta e Deputación. O Concello de Pontedeume tería que aportar unha cantidade próxima ao medio millón de euros -algo inasumible para a economía eumesa- para chegar aos 2.0000.000 euros.
Con este Goberno o mercado provisional nas Lonxas de Raxoi perderá a categoría comarcal e o BNG, cun sentimento realista e pesimista á vez, cre que o edificio do actual Mercado Municipal en 4 ou 5 anos lamentablemente se deteriorará por abandono dun xeito irreversible e duradeiro.