O BNG de Pontedeume esixe que se investigue o trato de favor do PP cara algunhas empresas

O BNG de Pontedeume esixe que se investigue o trato de favor do PP cara algunhas empresas

Desde comezos do anterior mandato do PP no Concello de Pontedeume en 2007, o BNG vén denunciando as sistemáticas irregularidades que comete o Goberno local na adxudicación a dedo de servizos a “empresas amigas”. Estes servizos non teñen un carácter puntual, senón permanente no tempo, polo que deberan sacarse a concurso público, algo que non quere facer o executivo local porque prefire beneficiar a determinadas empresas das que tamén obtería beneficio. Nestes casos, a presentación de facturas por parte desas empresas, durante todos estes anos, contou cos correspondentes reparos de Intervención, feito que xa se ten convertido nunha irregularidade crónica.

Sucede isto no servizo de mantemento eléctrico, na recollida mensual de enseres domésticos, na contratación de servizos adicionais de recollida de lixo durante o verán, etc. O BNG de Pontedeume esixe, unha vez máis, que se poña punto final a estas prácticas e que se investigue que hai detrás do trato de favor do PP cara a empresas  das que, segundo todos os indicios, o propio partido e os seus cargos institucionais obterían beneficios. O BNG considera que estas prácticas son motivo suficiente para unha investigación da Fiscalía anticorrupción.

Para cubrir baixas laborais ou xubilacións non fan uso das listas de desempregados para sustituir, senón que por medio de empresas amigas, logo de dar o nome da persoa a quen queren beneficiar, colocan a simpatizantes e/ou integrantes da súa lista electoral. Desde que están gobernando hai casos de conserxes e limpadores nos colexios Couceiro Freixomil e de Andrade, no pavillón, na piscina, encargados nas oficinas de turismo no Torreón,no Castelo de Andrade e no Albergue de Peregrinos que entran a traballar e aínda permanecen dun xeito privilexiado.

A investigación deberá estenderse a algunhas das obras máis importantes do Plan E, executadas no anterior mandato. É o caso da reforma do antigo Centro Médico, actualmente Centro de Maiores, para escola de música, onde se deu un flagrante trato de favor cara a empresa que realizou a obra. O malgasto de diñeiro público foi escandaloso ao non se lle esixir á empresa o cumprimento rigoroso do proxecto de execución. Por exemplo, as pranchas  de fibrocemento da cuberta vella tiñan que ser cambiadas e deixáronse as que había; cubríronse con tella nova.

O BNG de Pontedeume esixe que se investigue o trato de favor do PP cara algunhas empresas