Análise do BNG de Pontedeume dos resultados electorais do 25 de maio.
Os resultados das eleccións europeas do pasado 25 de maio puxeron de manifesto que o BLOQUE NACIONALISTA GALEGO foi capaz de cumprir cos obxectivos que se marcou. Un deles, o principal era manter a representación parlamentar, consolidando a nosa base electoral. Malia case todos os prognósticos que nos privaban de representación e reducían o noso apoio á mínima expresión, o BNG foi quen de resistir. Non podemos obviar que viñamos de pasar un proceso de abandonos da organización, agrandado mediaticamente, que intentou criar a imaxe dun BNG en extinción. Tampouco podemos esquecer todas as campañas de criminalización que se levaron a cabo e de intoxicación da opinión pública, tentando facer crer na última fase da campaña electoral que somos iguais ás forzas do sistema. No plano xeral, o BNG congratúlase do aumento de apoios ás forzas nacionalistas a nivel europeo e estatal. Tamén ollamos con expectativa o escenário que se abre de creba do sistema de alternancia bipartidista provocado pola aplicación dunhas políticas contrarias aos intereses das maiorías sociais.
O que non podemos de ningunha maneira é interiorizar o discurso derrotista que seguen a espallar aqueles mesmos que nos queren eliminar do panorama político. Somos realistas e positivos a respeito do resultado electoral. O BNG ten demostrado, e máis vai demostrar, que é unha ferramenta de traballo político imprescindíbel ao servizo do pobo galego. Non nos satisfai plenamente esa porcentaxe de voto nin a consideramos suficiente. Traballaremos para aumentar os nosos apoios e para termos unha organización máis forte.
A nível de Pontedeume -sen os considerarmos tampouco plenamente satisfactorios- os resultados superan a media galega, con algo máis dun 10 % de apoio. As forzas maioritarias do sistema sofren un serio revés, especialmente o PP. De se extrapolaren os resultados a unhas eleccións municipais este partido vería posta en perigo a actual maioría absoluta de que desfruta. Nese resultado percíbese o castigo á ineficacia do goberno local, cun incumprimento flagrante dos compromisos cos que concorreu ás eleccións municipais de 2011; aparcadoiro soterrado, club de piragüismo, rehabilitación do Centro Histórico e do Mercado Municipal, Escola infantil...
Dende o BNG de Pontedeume, seguiremos traballando para que dentro duns meses, nas eleccións municipais de 2015, se produza o cambio que Pontedeume precisa, co primeiro goberno nacionalista da historia de Pontedeume, e no que a cidadanía eumesa recupere o bastón de mando para ser participe, e non mera observadora, da transformación do noso concello, nun concello prospero e dinámico que explote todas as súas potencialidades patrimoniais, históricas e naturais como xa acontece dende hai tempo en concellos gobernados polo BNG como Allariz, San Sadurniño, Pontevedra, Tomiño, Carballo, Ribadeo...etc. A esa tarefa adicaremos toda a nosa enerxía e convidamos a todos e todas as eumesas a compartillar connosco esa andaina.