Solicitamos ao Concello de Pontedeume a condena da dictadura franquista e a reparación das vítimas.
Sabedores de que o pasado 18 de xullo o Parlamento de Galiza aprobou unha declaración institucional apresentada polo BNG de condena do golpe de Estado perpetrado no 1936, o rexime ditatorial, represión e crimes cometidos. E que aprobou, tamén, proseguir con accións dirixidas a recuperar e dignificar a memória das vítimas, eliminar símbolos e colaborar na identificación de desaparecidos.
É pólo que rexistramos unha moción para a recuperación da memoria histórica y de condena da dictadura franquista no noso concello, para o seu debate no pleno ordinario do mes de xullo. Nela solicitamos que O concello de Pontedeume exprese a súa condena do golpe de estado militar de 1936 e da Ditadura franquista, que promova ao longo do ano 2016 o desenvolvemento dun programa de actividades en colaboración con entidades da memoria e concellos- arredor da memoria histórica, a represión e a resistencia contra o fascismo. Alén diso que organice unha homenaxe pública aos cargos políticos e aos traballadores e traballadoras da institución que foron vítimas da represión franquista se adhira as que outras institucións leven a cabo. Para finalizar, solicitamos que o concello tamén acorde a eliminación, supresión ou anulación dos acordos, distincións e símbolos que reflictan a adhesión e colaboración da institución coa ditadura.
Hai que lembrar:
1. O pasado 18 de xullo de 2016 cumpríronse 80 anos do golpe de Estado militar contra o réxime democrático vixente no Estado español. Un levantamento militar que en Galiza foi orixe dunha cruenta e brutal represión ao longo dos anos da guerra e durante todo o período da Ditadura franquista.
A represión foi especialmente violenta nos anos da guerra e materializouse en Galiza no asasinato de máis de 5.000 persoas e noutras múltiples formas de violencia física: encarceramentos masivos, violacións, malleiras, rapado do cabelo, inxesta de aceite de ricino. Unha represión que se exerceu con caracteres especialmente violentos e machistas no caso das mulleres.
Nos anos da guerra e ao longo de toda a ditadura franquista, a represión tivo outras múltiples manifestacións: depuración laboral, sancións económicas, expolio de bens, persecución ideolóxica, acoso psicolóxico, exclusión social, etc. A imposición violenta da ideoloxía, da moral, da educación e dos valores franquistas afectou a toda a sociedade e os seus efectos prolongáronse no tempo máis alá de 1975.
2. O exercicio da memoria histórica, o coñecemento da verdade, a xustiza, a reparación e rehabilitación das persoas perseguidas polo fascismo, son dereitos humanos fundamentais que temos como sociedade e obrigas que adquirimos coas vítimas e as súas familias.
Malia ter transcorrido xa máis de 40 anos do final da ditadura e da restauración do rexime democrático, o Estado Español carece dunha auténtica política pública da memoria que permita o coñecemento da verdade histórica, a reparación e rehabilitación das vítimas, o exercicio da xustiza e a superación da fenda e das feridas físicas e morais causadas polo levantamento militar e a ditadura. Así aparece recollido no informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff, que pon de manifesto as eivas, carencias e obrigas do Estado español en relación con esta materia.
3. As institucións públicas deben ter un posicionamento claro de condena do golpe de Estado do 36, da ditadura franquista e da brutal represión que sufriron miles de galegos e galegas ao longo dese terribel período histórico.
O 80 aniversario do inicio da represión constitúe unha boa oportunidade para expresar o compromiso cos valores democráticos e a condena da Ditadura franquista. No caso dos concellos e deputacións, existe ademais unha obriga ética e política clara a este respecto porque, por unha parte, dirixentes políticos destas institucións e persoal ao seu servizo foron obxecto de represión e persecución em forma de asasinato, cárcere, depuración e outras múltiples formas de violencia. E, por outra, as institucións locais foron parte do aparato administrativo e político que impuxo a ditadura, o terror así como a implantación da simboloxía en Galiza.