Cheo absoluto na Casa da Cultura de Pontedeume para arroupar ao BNG-Asembleas Abertas.
Un centenar de persoas encheron este sábado a Casa da Cultura de Pontedeume, para arroupar á candidatura do BNG-Asembleas Abertas e ao seu candidato á alcaldía Antonio Salvadores, no acto central de campaña na vila para as eleccións municipais 2015, e que contou coa presenza e intervención destacada de Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Parlamento Galego. Nela os intervintes fixeron fincapé na necesidade de romper os trinta anos de alternancia de PP-PSOE na alcaldía, para dar un xiro de 180º e homologarmonos a concellos galegos como Allariz, Pontevedra ou San Sadurniño. Para elo apostaremos por dar prioridade á Consolidación e potenciación dos servizos públicos, que revirtan nunha mellora substancial da calidade de vida dos eumeses e eumesas, que garantan a transparencia na contratación e na xestión, e que contribúan á creación de postos de traballo. Diálogo e colaboración con todas as entidades veciñais, deportivas, culturais e educativas do Concello. Aposta pola nosa cultura e lingua propia. Posta en funcionamento do Consello Escolar Municipal, do Consello da Saúde, da Muller, da Cultura, etc. Desenvolvemento dun Regulamento de Participación Cidadá, incluindo orzamentos participativos. Mellora da calidade medioambiental da ría, solucionando os problemas de depuración de augas residuais existentes e promoción das actividades marisqueiras, turísticas e deportivas relacionadas con ela. Aproveitamento do potencial que encerra o Parque Natural das Fragas do Eume. Dinamización da rehabilitación do Centro Histórico e da actividade económica e comercial do mesmo, cun papel fundamental para o Mercado Municipal. Recuperación do feirón a través da interacción co comercio local, a hostalaría e con actividades culturais, deportivas e de lecer. Fomento de políticas de formación e emprego, coa elaboración de Planos Estratéxicos e Planos de Desenvolvemento local, que centren a atención na mocidade, na muller e nos colectivos máis desfavorecidos. En definitiva un concello ao servizo do pobo. Depende de Nós.