Solicitamos que se lle dea o nome de Paseo Fluvial Rosalía de Castro ao paseo marítimo fluvial da nosa vila.
O BNG de Pontedeume ven de rexistrar unha moción para o seu debate no pleno que se celebrará 23 de febreiro, para que se lle de o nome de Paseo Fluvial Rosalía de Castro ao paseo marítimo fluvial da nosa vila.
O 24 de febreiro de 2017 cúmprense 180 anos do nacemento de Rosalía de Castro, un día e un mes en que é preciso traballar, como o resto do ano mais de xeito máis intenso e planificado, para difundir unha obra e un pensamento con forte vixencia na actualidade e que pode coadxuvar a recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína do pobo galego. Lembremos que estamos a falar dunha escritora radical, culta, feminista e comprometida co noso país, coas súas clases populares e cos sinais de identidade de Galicia, entre os que se conta o galego, na actualidade claramente ameazado.
Rosalía de Castro é non só a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas senón a que marcou o camiño a seguir ao iniciar o proceso de recuperación de usos do galego co obxectivo de lle devolver a dignidade.
A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento. A recuperación literaria e lingüística de Galicia ten unha enorme débeda coa súa obra, que marca a ruptura da marxinalidade do galego e desafía a sociedade do sen tempo a través duo discurso de defensa da terra, da súa xente e dunha lingua que merece continuar a ser transmitida de xeración en xeración e ser utilizada en todos os ámbitos para contribuír, desde a súa especificidade, ao saber universal que tamén posúe a obra rosaliana.
Nuns tempos en que os datos obxectivos indican un alarmante descenso no uso do galego, a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas, pois nos seus textos achamos procedementos e argumentos para fomentar a utilización da nosa lingua, achegarse á nosa idiosincrasia e comprender a nosa identidade cultural. Cómpre, pois, aproveitar a reivindicación desta data para estendela.a un mes de febreiro de firme e inequívoco compromiso co idioma, sumando todos os esforzos posibles para continuar o camiño por ela iniciado para o galega se converter na lingua en que expresarmos todos os nosos sentimentos e emocións, en que desenvolvemos toda a nasa actividade profesional, en que achegamos a nosa contribución á cultura universal.
Sabedores que existen propostas en diversos concellos para poner o seu nome a diversas infraestruturas. Así mesmo fóra do territorio galego están a facerse recoñecementos como o da compañía aérea norueguesa que lle vai pór o seu nome a un Boeing 737-800 dado o seu destacado papel “Na recuperación do galego como lingua e cultura e na emancipación da muller”.
E Lembrando os acordos aprobados, por unanimidade, da Corporación nos Plenos Ordinarios do 23 de febreiro de 2012 e do 28 de xaneiro de 2016.
É por todo isto que solicitamos da corporación municipal o acordo de porlle o nome da nosa poeta nacional ao paseo maritimo-fluvial.