Non á LOMCE, Non ás reválidas!

instituto breamo de pontedeume
instituto breamo de pontedeume
Non á LOMCE, Non ás reválidas!

A aplicación da LOMCE consagra cuestións totalmente negativas para o sistema educativo por ser fondamente centralizadora, clasista e sexista, mercantilizar a educación e afondar nun modelo moito máis autoritario e antidemocrático. Cómpre lembrar que xa a súa elaboración foi sen diálogo social e sen participación da comunidade educativa, das asociacións que representan os diferentes colectivos implicados e con grande oposición social e política. Ademais, a LOMCE representa un ataque frontal ás competencias das comunidades autónomas e supón unha involución inadmisíbel ao negar a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional do Estado español e veta o dereito de ofrecer o seu propio modelo lingüístico.

Para alén doutras consideracións, a inclusión a proba xeral en 3º e 6º de Primaria e as reválidas en 4º da ESO e en bacharelato, que son requisito imprescindíbel para conseguir os títulos correspondentes, pretenden pór as maiores trabas posíbeis para a continuación dos estudos. Obedecen, pois, a unha concepción clasista e elitista da educación e contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do dereito á educación nun contexto no que xa as progresivas privatizacións e recortes do sistema público de ensino limitan os recursos para facer real o principio de igualdade de oportunidades.

Ademais, a nivel pedagóxico as reválidas supoñen unha presión engadida para o alumnado, forzándoo a ser avaliado baixo estándares uniformizados sen ter en conta a educación como proceso e o contexto social, económico e persoal do alumnado así como as súas capacidades e actitudes. Tamén cómpre sinalar como as probas avalían só determinadas áreas de coñecemento, tendo nunha menor consideración outras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico e musical. Ademais, o modelo centralista fai que sexa o Ministerio de Educación quen fixe os criterios, limitando os contidos específicos do marco galego que son imprescindíbeis para a formación do alumnado no seu contexto.

Así mesmo, condicionan a labor docente ao encamiñala á preparación das probas e cuestionan a avaliación continua e a opinión do equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado, así como dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar.

 

Por todo isto, a lei ten unha clara pretensión de camiñar cara un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que excluirá os sectores máis desfavorecidos da educación e asentará unha estrutura curricular ao servizo do capitalismo.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG de Pontedeume presentará esta moción no pleno ordinario do mes de outubro solicitando do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte acordo:

 

  1. Instar á Xunta de Galiza á eliminación das reválidas, conscientes das nefastas e lesivas consecuencias que supoñen as reválidas, por seren un obstáculo para facer efectivo o dereito á educación universal, pública, galega, laica, coeducativa e gratuíta. 
  2. A esixencia de que a Xunta da Galiza solicite ao goberno do Estado a derrogación da LOMCE.
  3. Instar á Xunta a defender as nosas competencias en materia de ensino para fortalecer un ensino público, galego e de calidade que potencie a diversidade lingüística e fomente a lingua propia do noso país.

 

Non á LOMCE, Non ás reválidas!